publicidade hoxe

O Goberno de Curtis pide á Deputación que esixa á empresa que obra na Avenida Principal a limpeza de vivendas e comercios danados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O Concello de Curtis solicitou á Deputación da Coruña que esixa á empresa encargada das obras do novo lousado da Avenida Principal de Curtis que proceda a reparar con urxencia as molestias e danos que está a causar a veciños e comerciantes, que ven como se acumula o po en fachadas, ventás e vehículos por non limpar e regalo de maneira adecuada a calzada durante a execución. O Goberno local, a instancia dos residentes e empresarios da zona, solicita que a empresa proceda á limpeza, varrido e lavado da avenida e reclama unha mellor sinalización das obras, tanto para os peóns como para os vehículos.

 “Non podemos tolerar que haxa empresas que non cumpran coas súas obrigacións durante a execución de obras e manteña a avenida neste estado lamentable”, sostén o alcalde Javier Caínzos no escrito remitido á Deputación, no que se recolle, ademais, a reclamación que presentou a Asociación do Comercio e da Hostalaría de Curtis, así como o informe elaborado polo técnico municipal no que queda constancia do estado en que quedaron edificios e coches así como da deficiente sinalización das obras. 

O alcalde estivo onte e hoxe revisando as obras cos veciños e comerciantes, que lle fixeron chegar as súas queixas porque o rebumbio causado dificultaba andar polas beirarrúas e impedía abrir as xanelas e portas das vivendas e dos locais comerciais. Por eles, esixen que a empresa proceda a limpar as ventás e as fachadas das vivendas e edificios.

Novo lousado

As obras de acondicionamento do firme da Avenida Principal, viario dependente da Deputación, comezaron a semana pasada. A actuación, cun orzamento de 60.000 euros, permitirá cambiar de maneira integral todo o lousado de formigón que se atopa en mal estado.

28 de xullo de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.