publicidade hoxe

Marina Castaño chega a Padrón para declarar como imputada por malversación e fraude na Fundación Cela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrón
A-
A+
Europa Press
Marina Castaño na chegada aos xulgados de Padrón

Marina Castaño na chegada aos xulgados de Padrón

A viúva do Nobel Camilo José Cela, Marina Castaño, chegou ao fío do mediodía aos xulgados de Padrón, onde ten que declarar por supostos delitos de malversación de fondos públicos, fraude en subvencións e apropiación indebida. “Non, síntoo, moitas grazas”, dixo ás portas do edificio. Previamente, prestou declaración o exxerente da Fundación, Tomás Cavanna, o despedimento da cal a xuíza instrutora sospeita que “foi simulado”. Á saída do edificio xudicial, declinou “facer declaracións” ás preguntas de se confía en quedar desimputado e se entregou documentación. “As declaracións dentro”, manifestou.

A xuíza tamén imputou ao exconselleiro con Fraga Dositeo Rodríguez, actualmente membro do consello de contas e quen terá que prestar declaración, ao igual que a súa filla e o secretario da Fundación Cela, José Luis Delso M. este mércores polo despedimento de Cavanna. Rodríguez indicou que se a xuíza mantén a súa imputación, deixará o seu posto no órgano fiscalizador.

Segundo se recolle no último auto da xuíza de instrución do número 2 de Padrón, a viúva de Camilo José Cela afirmou nun correo electrónico que “os servizos” que, “durante tantos anos”, prestara o exdirector xerente da Fundación Camilo José Cela, Tomás Cavanna Benet, quen está acusado de “redactar” a súa carta de despedimento, lle facían “merecedor dunha ilimitada xenerosidade”.

“Non haberá acordo con ninguén, posto que se lle despide baixo a miña Presidencia e dispoño que se faga segundo el e eu decidamos”, asegurara, previamente, nesa mesma comunicación con data do 5 de maio de 2010, segundo recolle o auto da xuíza.

Castaño respondeu, deste modo, ao mail enviado pola filla do exconselleiro de Fraga Dositeo Rodríguez, no que se consultaba acerca da desvinculación de Cavanna con respecto á entidade que homenaxea ao Nobel galego.

RESCATE DA FUNDACIÓN

A marcha de Cavanna incluíuse no plan de viabilidade da Fundación Camilo José Cela, que estaba en quebra e tivo que ser rescatada con fondos públicos por parte da Xunta. A partir de 2010, a Consellería de Cultura ostentou a presidencia da fundación, que pasou a ser honorífica no caso de Castaño, título que lle foi revogado á viúva de Cela.

Así, se asinou unha addenda de 230.000 euros á fundación e pagáronselle 150.000 euros de indemnización a Cavanna, segundo recoñeceu o propio Dositeo Rodríguez, membro do consello de contas na actualidade. De feito, o expatrón foi chamado a declarar en calidade de imputado por “simulación” do despedimento do exxerente, ao igual que a súa filla Covadonga.

No auto redactado con data do 29 de maio, a xuíza instrutora do xulgado número 2 de Padrón considera “revelador” o correo enviado por Covandonga Rodríguez a Marina Castaño, José Luis Delso e Dositeo Rodríguez, todos eles chamados a declarar entre este martes e mércores.

21 de xullo de 2015 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.