publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez presenta unha distribución de enlaces da autovía da Costa da Morte baseada na seguridade viaria e na funcionalidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaZas
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión cos alcaldes de Zas, Cabana e Coristanco. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na reunión cos alcaldes de Zas, Cabana e Coristanco. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou esta mañá que a Xunta de Galicia primou a seguridade e a funcionalidade á hora de solucionar os accesos da Autovía dende os concellos de Zas, Cabana de Bergantiños e Coristanco. Así o puxo de manifesto tras a reunión que mantivo cos alcaldes destes tres municipios e na que tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

A conselleira destacou que a solución adoptada foi despois de escoitar a todas as partes implicadas e tendo en conta as reclamacións veciñais; polo que estamos ante “a mellor solución técnica por funcionalidade (por tempo de recorrido, tráficos, conexión coa estrada convencional), e por seguridade, xa que son as que aportan maior visibilidade e a lonxitude entre enlaces”.

Salientou que a Axencia Galega de Infraestruturas realizou un estudo do que se conclúe que a situación do enlace de Coristanco é o adecuado, polo que finalmente se mantén no lugar previsto dende o inicio. Seguindo os mesmos criterios –tráfico, funcionalidade e seguridade viaria, recordou a conselleira- determinouse que a mellor solución era substituír os enlaces plantexados inicialmente, da Piolla e da estrada AC-423, por un novo enlace situado entre estes dous: o enlace de Rempenín.

No caso de Zas, tamén se decidiu reformar a intersección da estrada de Zas coa AC-552, executando unha nova rotonda, posto que a perigosidade desa intersección era o principal motivo da demanda do enlace na Piolla, e considerou que se soluciona con esta medida.

En resumo, garántese unha maior accesibilidade permitindo aproveitar ao máximo as potencialidades desta vía para toda a comarca, e sobre todo para que a Costa da Morte conte cun maior dinamismo económico e xere máis oportunidades para todos os habitantes.

Expropiacións

A conselleira de Medio Ambiente tamén avanzou que no mes de agosto quedarán pagadas todas as expropiacións desta autovía. Recordou que o Boletín Oficial da Provincia publicaba recentemente a convocatoria para estes pagos para as xornadas do 30 e 31, de xeito que nos vindeiros días quedarán pagados outros 3,5 M€.

Sinalou que a Xunta instou á empresa concesionaria que avance un paso máis no pagamento das expropiacións, para que, nos casos que están pendentes de resolución no Xurado de Expropiación, se paguen xa os límites de acordo.

Infraestrutura estratéxica

A conselleira de Medio Ambiente manifestou que a Autovía da Costa da Morte é unha infraestrutura estratéxica para lograr a vertebración de toda a comarca e tamén unha infraestrutura fundamental e imprescindible para o desenvolvemento económico, industrial e turístico da zona.

Salientou o traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia para lograr que esta vía se puidese executar, traballando sen descanso, resolvendo atrancos, solucionando problemas, e que hoxe permite afirmar que a autovía estea en plena execución e a pleno rendemento.

Por último, indicou que se está a redobrar esforzos para conseguir que a Autovía da Costa da Morte, cun 50% do proxecto entre Carballo e Baio executado, sexa unha realidade no próximo verán, xa que na actualidade traballan na zona máis de 250 operarios e unhas 100 máquinas.

20 de xullo de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.