publicidade hoxe

Comeza a tomar forma o centro municipal de empresas de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Centro municipal de empresas

Centro municipal de empresas

A empresa ARECO S.L. leva varios días traballando no andar superior do edificio anexo ao Concello para acondicionar as instalacións do que será o centro municipal de empresas. As obras, adxudicadas en 57.800 euros, fináncianse con cargo ao P.A.I., unha liña de crédito provincial sen xuros e dous anos de carencia coa que tamén se repararán varias pistas e se executará a futura casa da mocidade na antiga sede consistorial. En paralelo aos traballos do centro empresarial, o Concello está deseñando o regulamento de usos e o sistema de adxudicación do espazo dispoñible co que se pretende cubrir a demanda existente de locais para iniciativas que non requiren demasiada superficie. 

De acordo cos planos, o centro disporá de case 400 metros cadrados que se distribuirán en 12 oficinas con superficies que van desde os 8,5 metros das máis pequenas ata os 21,78 das máis grandes. Nestes momentos a empresa adxudicataria está dividindo os espazos que, ademais, inclúen unha sala de xuntanzas e reprografía e infraestruturas de comunicacións. A maior parte dos locais quedarán xusto enriba da escola infantil, aínda que un deles irá no andar baixo do inmoble, xusto ao carón do aparcadoiro.

O obxectivo principal desta iniciativa é o de por a disposición do emprendemento un lugar no que empezar un negocio. O centro estará aberto tamén a aquelas pequenas empresas que xa estean funcionando e que precisen unha oficina con todos os servizos -comunicacións, conectividade, etc- “por un prezo asequible”, tal e como indicou o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela. De feito, o Concello sopesa a posibilidade de establecer un prezo por metro cadrado que cubra os custes de mantemento do edificio. “O proxecto vai máis aló da obra en si mesma, buscamos favorecer a creación de empresas e apoiar ás iniciativas existentes que precisen un sitio para traballar, por iso traballamos na liña de que as condicións non sexan gravosas nin para elas nin para o Concello”, explica o concelleiro. 

O Concello agarda ter listo o procedemento de ocupación do centro para cando estean rematadas as obras co obxectivo de poñelo en marcha antes do remate do ano. Malia que en principio as instalacións estarían abertas a calquera posibilidade que se axeite ás superficies dispoñibles, desde Desenvolvemento local apóstase porque as empresas que finalmente se asenten “tiren polo traballo en rede e pola colaboración entre elas aínda que manteñan a súa independencia”.

As obras de acondicionamento das instalacións situadas no edificio anexo sufráganse con cargo á liña de créditos provincial denominada P.A.I. (Plan de Aforro e Investimentos), que lle achegou a San Sadurniño un total de 207.000 euros para tres actuacións: o propio centro empresarial, a casa da mocidade que se instalará nunha parte da antiga casa consistorial -84.000 euros- e o arranxo de varias pistas no municipio, cunha partida total de 53.000 euros.

21 de xullo de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.