publicidade hoxe

A Xunta colabora na mellora de varias instalacións deportivas en Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Alfonso Rueda na visita ás instalacións

Alfonso Rueda na visita ás instalacións

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a execución do proxecto de mellora da pista interior do pavillón municipal e da pista de tenis, que está financiada nun 75 por cento polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Alfonso Rueda e Agustín Reguera visitaron hoxe as dependencias do pavillón onde o número dous da Xunta destacou que estas actuacións supoñen un importante apoio á prestación de servizos por parte dos concellos da nosa comunidade para a mellora da calidade da vida rural. Para esta obra, o goberno galego fai unha achega de máis de 23.000 euros.

Así, neste concello levarase a cabo o proxecto denominado Mellora da pista interior do pavillón municipal e pista de tenis, co obxectivo de reparar e adecuar as instalacións deportivas municipais que contan con un número elevado de usuarios, para que poidan desenvolver as actividades dun xeito óptimo.

Fondos Feader

Dende o goberno galego apóianse aquelas actuacións cuxa finalidade sexa a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais básicos, coma é o caso do concello de Soutomaior. Así, o pasado mes de decembro foi presentada esta nova convocatoria de axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015. A contía máxima destas subvencións é de dous millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que fixa como obxectivo a mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais.

As actuacións susceptibles de ser beneficiadas responderán a proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén serán subvencionables a instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais, que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello.

30 de xullo de 2015 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.