publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Tres veteranos artesáns de referencia conversarán na Feira Corazón da Artesanía sobre a súa longa experiencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

Tres veteranos de referencia do sector artesán galego conversarán na feira Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra en Agolada (Pontevedra) entre os días 3 e 5 de xullo dos máis de 40 anos de traxectoria nos seus oficios. O cesteiro Antonio Suárez, de Vigo, o zoqueiro Alfonso Ferro, de Vila de Cruces e o oleiro Aparicio Añón, de Malpica participarán o sábado pola mañá na iniciativa “Coas mans da experiencia”.

Trátase dunha serie de conversas con expertos artesáns, cuxa longa traxectoria profesional vén marcada pola aprendizaxe no obradoiro familiar, que foron forxando a súa mestría ao longo de toda unha vida de traballo dedicada ao oficio e que hoxe en día están considerados figuras de referencia nas súas respectivas especialidades e mestres de moitos dos profesionais que se foron incorporando ao sector da artesanía.

O cesteiro Antonio Suárez Dávila (Vigo) será o encargado de abrir estas conversas, a partir das 11:30 horas. Antonio vén dunha familia dedicada á cestería, aprendeu o oficio de neno e dedicou a súa vida á elaboración de cestos e á formación de profesionais e afeccionados. As coleccións de cestería tradicional de todas partes de Galicia que alberga o Centro de Artesanía Tradicional de Vigo e tamén o Museo do Mar, son froito do traballo de investigación e de recuperación levado a cabo por Antonio Suárez, referente inequívoco da cestería galega. Actualmente ten a súa tenda – taller na Rúa dos Cesteiros do casco antigo de Vigo e algunhas das súas pezas forman parte da colección de Artesanía de Galicia que se está a presentar nas feiras de decoración Tent London (Reino Unido) e Formex (Suecia).

Ás 12:00 horas, o zoqueiro Alfonso Ferro, de Merza (Vila de Cruces) falará sobre a súa traxectoria no taller familiar de elaboración de zocos, exemplo claro da evolución dun oficio tradicional, e que este ano 2015 cumpre 100 anos en activo. Grazas á combinación da marroquinería coa elaboración dos zocos, este taller conseguiu non só manter vivo un oficio tradicional e convertelo no seu modo de vida, senón modificar o uso tradicional do zoco creado para cubrir unha necesidade básica e convertelo nunha peza adaptada ás tendencias actuais da moda, chegando mesmo a ver o seu labor recoñecido co Premio Artesanía Contemporánea Antón Fraguas no ano 2010.

Aparicio Añón (Malpica de Bergantiños) falará a partir das 12:30 sobre o seu traballo nun dos catro centros de olería tradicional aínda activos hoxe en día en Galicia, Buño. Aparicio é na actualidade o oleiro de Buño máis antigo que se dedica a este oficio tradicional e o mestre de referencia para a maioría dos oleiros que comezan coa súa formación. No seu taller de olería combina as formas tradicionais con outras de novo deseño e ten participado en diferentes eventos de carácter internacional baixo a marca Artesanía de Galicia.

As conversas estarán conducidas por Pablo Quintana, fundador de Canela Producións editorial etnográfica, e estudoso e divulgador polifacético da cultura popular de Galicia e da zona occidental de Asturias.

O Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada do 3 ao 5 de xullo, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, formación especializada para artesáns e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, exposicións ou obradoiros de artesanía abertos ao público.

26 de xuño de 2015 | 11:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.