publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O venres regresa a Teo o ciclo Música nos Tilos con Caxade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O venres 19 chega no ciclo Música nos Tilos a proposta de Alonso Caxade a Teo. Trátase dun artista cunha proposta elegante e sinxela, cun discurso reivindicativo, metafórico e irónico; indie-folk cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. A banda editou o seu primeiro disco, Caxade, no 2013 e dende entón presentan este traballo coa formación de Manu Paino na trompeta e carillón, Manu Espiño no bombardino, Xosé Tuñas na batería e o propio Alonso Caxade na voz e acordeón. 

O ciclo Música nos Tilos cumpre seis anos nesta edición e continúa ofrecendo unha oferta musical de calidade nun espazo moi concreto, a Casa Común dos Tilos. O aforo do local é limitado polo que os concertos deste ciclo teñen a particularidade de presentarse nun formato íntimo e de proximidade, no que o público e as  bandas que participan están en constante sintonía. 

O ciclo Música na Noite continuará o vindeiro venres no mesmo enclave coa actuación de Oh Trío. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Teo e conta coa colaboración da Deputación da Coruña no seu financiamento. A entrada é gratuíta pero agradecese toda contribución co Banco de Alimentos municipal mediante alimentos non perecedoiros.

Libros encantados de  Magín Blanco.

Magín Blanco presenta con esta narración oral e musical o contacontos Libros encantados. No contacontos aparece desde Cantar e contar con Magín Blanco, as historias das viaxes de A nena e o grilo, da locomotora María Fumaça, da Rosalía pequeniña… e quen sabe se algunha outra sorpresa que nos traerá este músico, que nos levará coas suas creacións a tantos lugares como queiramos”. Será o sábado 20 de xuño ás 18 horas na Mediateca do Grilo.

O Xurado representado polo Obradoiro de Teatro do Concello de Teo

O xoves 18, ás 21 horas é o día elixido polo Obradoiro de teatro municipal para estrear a obra O Xurado, dirixida por Fran Rei no Centro Sociocultural da Ramallosa. A obra desencadéase nun tribunal que debe xulgar un acusado de homicidio. As diferentes opinións dos seus membros serán as que diten o veredicto de culpabilidade ou non deste imputado.

17 de xuño de 2015 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.