publicidade hoxe

O IES Marco do Camballón amplía a súa oferta para o vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao centro educativo

Román Rodríguez na visita ao centro educativo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reivindicou, con motivo da súa visita ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, “a aposta decidida” que vén facendo a Xunta de Galicia pola Formación Profesional nos últimos anos. De feito, de cara ao vindeiro curso 2015/2016 ofértanse 28.450 prazas en primeiro curso, 9.393 delas na provincia de Pontevedra.

Dentro desta ampla oferta, o instituto cruceño ampliará a súa propia o próximo curso a través da implementación dun novo ciclo medio, en réxime ordinario, de Atención a persoas en situación de dependencia. Cunha matrícula de ata 25 prazas, este ciclo atende a unha demanda que viña formulando o propio centro, que xa conta coas instalacións e equipamentos precisos para poder impartilo.

Compromiso coa FP Básica

A maiores desta nova oferta, o IES Marco do Camballón seguirá ofrecendo, tamén en réxime ordinario, o ciclo medio de Soldadura e caldeiraría. No que se refire á FP Básica, o centro estreou esta nova modalidade implantada ao abeiro da LOMCE cun ciclo de Servizos administrativos.

Neste senso, o conselleiro destacou o compromiso non só da Xunta, senón tamén dos propios centros educativos coa Formación Profesional Básica, unha vía que lle permite ao alumnado obter un título ao rematar os estudos e presentarse a unha avaliación final para lograr o título de graduado na ESO, así como ter acceso aos ciclos de grao medio. Segundo explicou o titular do departamento educativo do Executivo galego, isto contribúe á loita contra o abandono escolar na medida en que redunda nunha maior continuidade do alumno ou alumna dentro do sistema.

Preto de 500.000 euros de inversión

A maiores da oferta en FP, este centro tamén está adherido ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) dende 2012, conta con contratos-programa orientados a mellorar as competencias clave (liña 2) así como a convivencia nos centros e previr o abandono temperán (liña 3). En canto ao capítulo de obras, a Xunta leva investido máis de 470.000 euros en diferentes reformas dende o ano 2009.

24 de xuño de 2015 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.