publicidade hoxe

O Concello de Cervo aumenta ata os 30.000 euros o importe das axudas ás entidades deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O alcalde en funcións, Alfonso Villares e o edil de Deportes en funcións, Luis Guillén entregaron os cheques das axudas ás entidades deportivas aos seus representantes. Unhas subvencións que concede o Concello todos os anos e das que se benefician os clubs de fútbol do municipio.

Nesta ocasión incrementouse o importe total en 6.000 euros máis, de forma que se repartiron 29.990 euros para “apoiar o deporte”, asegura Guillén. En canto ás entidades beneficiarias foron o Club Deportivo San Ciprián, a Sociedade Deportiva Cervo-Sargadelos, a Sociedade Deportiva Candelaria e a Asociación Deportiva Cultural San Román así como a Asociación Deportiva de Veteranos de San Ciprián, de recente creación.

Desta maneira, son cinco os clubs e asociacións de fútbol que reciben esta colaboración económica directa para “axudar ás entidades nos seus gastos relacionados coa promoción deportiva, pero tamén á participación en campionatos deportivos federados ou a gastos de funcionamento, conservación, mantemento ou reparacións menores, sempre que non sexan considerados investimentos” explica Guillén. 

Unhas axudas que o Concello financia con fondos municipais ao 100% e que se suman a outras medidas de apoio que leva a cabo durante todo o ano. Neste sentido cabe lembrar que o Concello colabora cos clubs na organización e promoción de actividades, achegando persoal e material; no mantemento das instalacións deportivas (como foi o caso da remodelación do campo de fútbol) e en todas as iniciativas nas que estas entidades solicitan axuda. 

Unha colaboración que non se limita aos clubs de fútbol, e que se fai extensible a todas as entidades que desenvolven unha actividade deportiva no municipio nas diversas disciplinas, como é o caso do tiro con arco, o surf, o ciclismo, o tenis de mesa, o piragüismo ou os deportes náuticos. “O noso concello ten un tecido asociativo moi dinámico, tamén no ámbito deportivo, e nós traballamos para contribuír a que o siga sendo”, remata Guillén.

11 de xuño de 2015 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.