publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Asalto ao Castelo festexa os vinte anos cunha charla coloquio e unha exposición sobre a súa historia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

O vindeiro sábado 20 de xuño ás 20h celebrarase no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo a charla coloquio “O Asalto na memoria” na que se exporán o contido, o significado e a evolución desta festa histórica. Constará de dúas partes: a primeira será a exposición do contido e da importancia do Asalto e na segunda abrirase a valoracións, debate e preguntas do público asistente. No evento participarán distintas persoas vinculadas estreitamente co Asalto ao Castelo e tratarán diferentes temas. Moncho Gándara introducirá a charla e presentará aos participantes. Benxamín Queiro será o encargado de expor os aspectos musicais, mentres que Vicente Mohedano, Minke Lap e Guillermo Méndez tratarán os diferentes aspectos teatrais nas etapas correspondentes.

Carlos Gómez e Diego Hermida falarán da gastronomía que envolve á festa, centrándose o primeiro nos Pinchos Irmandiños e o segundo na celebración da Cea Medieval. Michel Antelo, presidente de Cherinkas, explicará todo aquelo que envolve ao Asalto dun xeito inherente: a artesanía, o deseño, o deporte e a creación literaria e audiovisual. Haberá tamén un representante municipal que plasmará a aposta do Concello de Vimianzo por esta festa. O último participante será Manuel Rial que exporá o papel dos medios de comunicación no Asalto ao Castelo.

Exposición “20 anos de Asalto”

Ao remate da charla-coloquio, representantes de Cherinkas, Axvalso e do Concello de Vimianzo procederán á apertura da exposición “1996-2015. 20 Anos de Asalto” na Sala Antón Mouzo da Casa da Cultura de Vimianzo. Unha primeira parte da exposición constará dunha gráfica con todos os carteis e dípticos da historia do Asalto, fotografías dos 20 anos e unha pequena historia de como xurdiu e como foi medrando ata converterse no que é hoxe. A segunda parte estará formada por elementos significativos que forman parte da historia do Asalto e que foron e son representativos, dun xeito ou doutro, dalgunha edición da festa.

17 de xuño de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.