publicidade hoxe

Asunción Rodríguez Zarraquiños convértese na nova presidenta da D.O. Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiOurenseVerín
A-
A+
Asunción Rodríguez

Asunción Rodríguez

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Monterrei reuniuse esta mañá para proceder á renovación da Presidencia da entidade, despois de que o anterior presidente -Antonio Méndez Atanes- deixase o cargo a principios deste mes de xuño. Así, os membros do Pleno decidiron por maioría de votos que pase a ocupar o cargo de presidenta da D.O. Asunción Rodríguez Zarraquiños, vicepresidenta desde 2012 e presidenta en funcións desde a renuncia de Méndez Atanes.

Nada no Concello de Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños será a quinta persoa que presidirá a entidade e a primeira muller en facelo.

Obxectivos inmediatos

Ligada ao mundo da produción vinícola industrial desde fai máis de 10 anos, a nova presidenta situou entre os seus obxectivos máis inmediatos  concluír os trámites para a obtención da acreditación ENAC e intensificar as accións de defensa e promoción do sector do viño de Monterrei, coa mirada posta na celebración da próxima Feira do Viño. 

Con anterioridade á reunión do Pleno de hoxe, celebrouse unha votación interna na sede do Consello Regulador á que foron convocados os adegueiros integrados na D.O., que tamén apoiaron maioritariamente que Asunción Rodríguez Zarraquiños, presidenta en funcións, continuase no cargo ata a celebración de novas eleccións.

26 de xuño de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.