publicidade hoxe

Publícase a adhesión á Axencia de Legalidade Urbanística do Concello de Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a adhesión do municipio coruñés de Cerceda na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), polo que desde mañá venres, este municipio delega o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións.

A partir de agora, no concello mencionado será a Axencia a que exerza as competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística respecto das obras e usos do solo que se realicen en solo rústico e en solo urbanizable mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.

Con esta adhesión serán 68 os convenios autorizados polo Consello da Xunta para a adhesión de municipios á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Papel da Axencia

Para o Concello de Cerceda o presente convenio non comporta gasto ningún e o persoal do concello poderá acceder a información urbanística, consultas e formación de xeito gratuíto.

Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo, e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.

9 de abril de 2015 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.