publicidade hoxe

Os colexios de Teo adecúan as súas instalacións durante Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A obra de maior calado acometida nestes días nos centros educativos municipais efectuouse no CEIP da Ramallosa. Trátase do acondicionamento do firme da zona de estacionamento situada no patio traseiro deste centro, xa que as choivas fixeron necesario este tratamento para conservar este aparcadoiro. Así mesmo, realizouse unha reforma do saneamento exterior, xa que o seu deterioro provocaba continuas avarías desde o enganche na rede xeral de sumidoiros ata a arqueta principal do centro. Xa por último, procedeuse a illar, mediante un valado xunto cunha porta corredía, a zona de xogos infantís e a zona de aparcadoiro, o cal provoca unha importante mellora en canto á seguridade no centro, posto que o alumnado non poderá acceder á zona de estacionamento de vehículos.

No CEIP de Calo, realizouse o asfaltado no patio anterior á aula da ANPA, o cal cumpre unha demanda de acondicionamento necesaria para todas as persoas usuarias do centro. Ademais desta obra, efectuouse un cambio das tubaxes das instalacións de auga exteriores ao centro, ata agora en ferro, e agora en materiais sanitarios de primeira calidade. Esta obra de mellora das instalacións sanitarias levouna a cabo o Concello para cumprir un acordo coa Consellaría de Educación mediante o cal o Concello se comprometía a mellorar a rede principal e exterior mentres que a Consellaría realizaría as obras interiores, aínda pendentes de execución.

Por último, no colexio dos Tilos acometeuse unha poda integral das árbores do parque infantil. Trátase dunha poda necesaria para o mantemento das árbores e de seguridade para as persoas usuarias, xa que se sanearon polas en mal estado e con perigo de rotura.

Estas obras, que se acometeron por un importe superior aos 13 000 euros, xunto con outras obras menores realizadas pola brigada de obras, pretenden mellorar as instalacións educativas municipais para continuar cumprindo un compromiso municipal cuns niveis óptimos de calidade e de adecuación á comunidade escolar.

1 de abril de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.