O Concello de Cuntis recibe 205.000 euros para adquirir a casa de telégrafos e o antigo concello
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe concederlle 205.000 euros ó Concello de Cuntis para adquirir os inmobles casa de telégrafos e antigo concello, situados en céntricos lugares da vila e nun estado moi deteriorado. Así mesmo aprobouse tamén o correspondente convenio con este concello.
A casa de telégrafos albergará o Centro de interpretación do patrimonio arqueolóxico e de atención a visitantes do xacemento de Castrolandín e o antigo concello acondicionarase para desenvolver a actividade cultural, formativa e social do municipio.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou que esta iniciativa é “unha boa acción de recuperación de patrimonio público para o Concello de Cuntis e de gañar espazos e servizos para a cidadanía ó tempo que supón rematar con dous puntos de fealdade urbanística nunha vila tan turística como Cuntis”.