publicidade hoxe

O balonmán galego logra o triunfo no partido conmemorativo da XXV Mostra do Encaixe de Camariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñasDeportesDeportes Portada
A-
A+
Entrega de trofeos

Entrega de trofeos

A selección galega feminina absoluta superou ao Balonmán Xixón, cunha espectacular segunda metade, no partido conmemorativo da XXV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas que se celebrou esta tarde en Camariñas (30-25). O partido comezou bastante igualado. O combinado galego, dirixido por Abel Estévez, mandou nos primeiros minutos (4-3, min. 5), pero un par de perdas de balón en ataque permitiron ao Xixón poñerse por diante no marcador (5-7). A partir de aí as visitantes foron sempre por diante, pero con distancias mínimas dun gol. E así acadamos o descanso (14-15 para o conxunto asturiano). Pero as indicacións de Abel Estévez no vestiario reactivaron as galaicas que saíron decididas a darlle a volta ao partido. E fixérono moi pronto.

Cando só se levaban dous minutos e trinta segundos da segunda parte, lograron volver a poñerse por diante no marcador (16-15), situación de privilexio que xa non abandonaron ata o remate do partido. Pouco a pouco, cunha moi boa defensa, a gran actuación de Pamela en portería e boas resolucións en ataque as diferenzas foron medrando de forma clara mentres o BM Xixón parecía sen opcións. Mediada a segunda parte as galegas vencían por catro goles (24-20) e no minuto 20 por sete (27-20). Así, os últimos minutos foron de control e sen moita emoción, cunha espectacular Pamela en portería, que só encaixou dez goles na segunda metade, e Sandra Loureiro como máxima goleadora do choque (nove tantos).

4 de abril de 2015 | 22:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.