publicidade hoxe

Novos cursos formativos en Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

O concello de Tomiño, dentro da súa programación formativa oferta de cara ao vindeiro mes de maio os seguintes cursos subvencionados:

CURSO DE PRIMEIROS AUXILIOS (40 horas)

Cunha duración total de 40 horas, este curso ten como obxectivo principal proporcionar os coñecementos teórico-prácticos necesarios para poder ofrecer unha axuda eficaz ás persoas que se atopan nunha situación de emerxencia, xa sexa por accidente ou enfermidade. Trátase de recoñecer situacións de risco vital e signos de gravidade, aplicar as técnicas axeitadas a cada emerxencia, poñer en marcha o sistema de urxencias médicas (RCP, PAS, exame inicial, contusións e feridas, hemorraxias, queimaduras, fracturas, prácticas de primeiros auxilios). Comezará o 4 de maio en horario de luns a xoves de 19 a 22h na escola obradoiro de Goián.

CURSOS BÁSICO DE INGLÉS (NIVEL A1) Terá unha duración de 30 horas. O concello leva anos apostando polos cursos de idiomas, que sempre teñen moita aceptación e demanda entre a poboación. Ademais de que aprender outra lingua amplía as nosas habilidades comunicativas e axúdanos a introducirnos noutra cultura, o coñecemento da mesma tamén pode abrirnos portas a nivel laboral e facilitar o envío e acollida de voluntariado europeo. Inicio da actividade o 4 de maio cun horario de martes e xoves de 11.30h a 13.30h na OMIX de Tomiño.

Alén dos cursos formativos anteriormente citados, lembrarlle ás persoas interesadas que aínda están a tempo de inscribirse no curso de monitor/a de tempo libre que comezou a fin de semana pasada (queda algunha praza) e que tamén está aberto o prazo para realizar a pre-inscrición no curso gratuito de TAPIZADO concedido pola deputación de Pontevedra dentro do programa Actívate, e no obradoiro gratuito de automaquillaxe que terá lugar a comezos de maio.

28 de abril de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.