publicidade hoxe

Comezan os traballos para colocar as novas placas das rúas en cerámica de Sargadelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Placa en Sargadelos nunha rúa de Cervo

Placa en Sargadelos nunha rúa de Cervo

O Concello informou hoxe de que xa comezaron os traballos para colocar as novas placas cos nomes das rúas encargadas á fábrica de cerámica de Sargadelos. Ademais, xa está instalado o novo escudo da Casa do Concello, que tamén foi deseñado e elaborado na factoría cervense e que luce na fachada principal. Este elemento substitúe ao anterior escudo, que se atopaba deteriorado, e que conta cun deseño diferente, composto por 55 placas de azulexo e unha dimensión total de 154×110 cm.  

No caso das placas das rúas, vanse colocar 175 novos deseños en San Ciprián, Cervo, Río Covo e Lieiro. Uns traballos que se realizarán por zonas e que levarán tempo xa que se trata de tarefas moi minuciosas e dun elevado número de láminas. Cada unha das placas está composta de 4 azulexos en tinta de azul cobalto co nome da rúa e o escudo do Concello. Cabe destacar que ademais de renovar as actuais vanse colocar outras novas nos casos de rúas longas que precisan máis dunha ou de vías que non tiñan.

A colocación das placas é a última fase deste proxecto que comezou hai máis de medio ano e que incluíu un traballo continuado coa factoría Sargadelos, facendo probas, avanzando os esbozos e supervisando a corrección dos nomes das rúas. Ao mesmo tempo, o Concello contactou cos propietarios das casas ou edificios nos que se van colocar as placas para informalos desta medida e solicitar permiso.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Zona Rual, José Ramón Soto comprobaron o desenvolvemento dos traballos e destacaron que o resultado “vai ser unhas rúas moi nosas, cuns deseños pensados, creados e realizados no noso concello e para os nosos veciños”. O edil asegura que dende o principio “tiñamos claro que se unha empresa tiña que elaborar as placas das nosas rúas era unha factoría asentada no noso concello, con décadas de tradición e ligada á nosa historia e á nosa cultura como é Sargadelos”.

Desta forma, Soto explica que “nunha mesma actuación cumprimos varios obxectivos fundamentais, como son dar unha nova apariencia ás nosas rúas cuns deseños identitarios, exclusivos e unificados”, pero ao mesmo tempo “que representan ese estreito vínculo que existiu sempre entre o noso concello e a cerámica de Sargadelos” sen esquecer a aposta do Concello por “apoiar o nome e a marca Sargadelos como unha empresa clave para o municipio pero tamén para toda Galicia”.

30 de marzo de 2015 | 11:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.