publicidade hoxe

As obras de mellora da ponte do Burgo melloran a mobilidade dos 20.000 vehículos que a cruzan a diario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambreCulleredoLocal PortadaOleiros
A-
A+
Ethel Vázquez na visita á ponte do Burgo

Ethel Vázquez na visita á ponte do Burgo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a posta en servizo da mellora da seguridade viaria na ponte do Burgo, que beneficia a 86.000 veciños dos concellos de Cambre, Culleredo e Oleiros e aos preto de 20.000 vehículos que cada día circulan por este punto.

A conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recordou que o proxecto consistiu na execución dunha glorieta, dun carril adicional, para aumentar a capacidade da ponte, e na ordenación do itinerario peonil. Unha actuación na que a Axencia Galega de Infraestruturas investiu 514.000 euros, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria, reordenar e aumentar a fluidez dos tráficos e reducir as retencións que se rexistraban neste punto.

Lembrou que para acadar dito obxectivo, ampliouse a ponte polo lado do mar, coa demolición das beirarrúas existentes que permitiron habilitar un novo carril na ponte, no espazo que antes ocupaba a beirarrúa esquerda, dispoñendo agora de tres carrís.

Tamén se reordenou o itinerario peonil, cunha nova beirarrúa de 2,5 metros de ancho polo exterior da infraestrutura, que permite o tráfico pola marxe dereita, dando continuidade ao paseo marítimo e, por último, executouse unha rotonda na intersección na que conflúen as estradas de San Pedro-A Pasaxe (AC-211) e O Temple-Cambre.

“Esta última actuación é a máis representativa da infraestrutura- sinalou a conselleira- xa que a glorieta está presidida por unha réplica da emblemática escultura do Paraugas que durante anos estivo instalada neste punto”. Recordou que foi necesario retirar a escultura orixinal, dado o seu mal estado de conservación, pero a Xunta quixo recuperar este elemento tan emblemático e definitorio, que máis alá da súa función de reordenación do tráfico ten un alto valor emocional para os veciños da zona.

A conselleira tamén destacou que esta actuación pon de manifesto a aposta da Xunta por fomentar a mobilidade e mellora da calidade de vida dos cidadáns de Cambre, Culleredo e Oleiros que empregan a ponte do Burgo nos seus desprazamentos diarios.

Por último, subliñou que esta actuación forma parte do compromiso da Xunta de Galicia por dotar o territorio galego de infraestruturas que o fagan máis competitivo e que contribúan á súa dinamización.

2 de marzo de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.