publicidade hoxe

A nova escola infantil de Melide comeza a funcionar con 61 prazas de 0-3 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+

A nova escola infantil de Melide comezou hoxe a funcionar cunha oferta pública de 61 prazas de 0-3 anos. Este novo servizo, que se pon en marcha grazas á colaboración da Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Amancio Ortega (FAO), é a primeira da Rede A Galiña Azul do concello, tal e como destacou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, quen visitou o centro, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a alcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez.

A titular de Benestar sinalou que o obxectivo desta actuación, ademais da colaboración estreita co Concello, é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez en Galicia.

A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.800 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón un 70 por cento de incremento con respecto ás que había en 2009, tendo en conta as novas prazas de 0-3 anos que se ofertarán para o próximo curso escolar 2015-2016. Na provincia da Coruña, o Goberno galego creou máis de 2.000, un incremento superior ao 113 por cento.

En total, a oferta para o próximo curso será de 9.294 prazas en 159 escolas. Mato salientou, por último, que grazas ao esforzo da Xunta, por primeira vez tense alcanzado en Galicia a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos e nenas en idade de acceso a unha escola infantil, que recomenda a Unión Europea.

Contratación de perceptores da Risga

Tras a visita á escola infantil, Mato clausurou o obradoiro de emprego ‘Impulsa Melide’, onde anunciou que a Consellería de Traballo e Benestar investirá 40.000 euros para que o Concello poida contratar a 5 perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) no marco da orde de axudas que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado mes de xaneiro e á que se destinou en toda Galicia un total de 10 millóns de euros, o dobre que o ano pasado.

Mato destacou que este orzamento permite que a totalidade dos concellos galegos que solicitaron esta axuda e cumpran cos requisitos marcados na orde recibirán a subvención. En toda Galicia, os concellos beneficiados serán preto de 210, o que permitirá a contratación dun millar de persoas.

Obradoiro de emprego

Con respecto ao obradoiro de emprego, a titular de Traballo sinalou que nesta actuación a Xunta investiu 170.000 euros e nel participaron un total de 19 alumnos e alumnas. Nesta ocasión, o obradoiro centrouse nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e na instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Ao tempo que os participantes se formaron nestas materias, atenderon a persoas dependentes no centro de maiores de Melide e levaron a cabo tarefas de conservación e axardinamento de distintas áreas e zonas verdes do concello.

Mato lembrou que “a aposta decidida” do Goberno galego por este tipo de actuacións enmárcase na súa liña de apoiar a formación certificada e resaltou que o éxito dos obradoiros de emprego levou tamén en 2015 á Consellería de Traballo a blindar a orde anual de obradoiros e, ademais, a publicar por primeira vez unha liña de axudas deste tipo de programas específica para menores de 25 anos, e que está incluída dentro do novo plan de Garantía Xuvenil. Así, en 2015 investiranse preto de 15 millóns na posta en marcha de máis de 70 obradoiros.

Ademais dos obradoiros, Mato destacou a importancia da formación dual e, por iso, lembrou que Melide foi un dos tres municipios da provincia da Coruña que ten participado en 2014 na experiencia piloto de formación dual para concellos en colaboración con Palas de Rei. A conselleira avanzou que este ano se consolidará este programa coa convocatoria dunha nova orde cun orzamento de 2,65 millóns de euros dos que 1,3 millóns serán para a contratación nas entidades locais.

Residencia de maiores

Por último, a titular de Benestar visitou a residencia de maiores de Melide na que a Consellería ten investido máis de 200.000 euros na súa ampliación e na actualidade está licitado o seu equipamento por valor de 150.000 euros. Mato explicou que esta reforma permitirá ampliar as prazas públicas deste centro en 38 ata as 54, o que, ademais, suporá aumentar ata 117 a oferta nos centros de maiores desta localidade. Lembrou, neste eido, que o Goberno galego creou desde 2009 máis de 3.100 prazas públicas para maiores, tanto en residencias, como en centros de día e de alzheimer, o que supón un incremento do 50 por cento.

Para rematar, a conselleira destacou que Traballo e Benestar destinou á localidade de Melide en 2014 máis de 600.000 euros no eido social e laboral. Desde 2009, o investimento superou os 3,4 millóns de euros.

16 de marzo de 2015 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.