publicidade hoxe

A Consellería de Benestar investiu 135.000 euros na nova escola infantil de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+
Beatriz Mato na visita a Touro

Beatriz Mato na visita a Touro

A Consellería de Traballo e Benestar ten investido uns 135.000 euros na construción da nova escola infantil de Touro, que porá a disposición dos cidadáns un total de 20 prazas públicas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Así o destacou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa visita a estas instalacións, que serán de xestión municipal, e que cualificou como unhas “infraestruturas modernas e de calidade”.

Este novo equipamento converterase, así, na cuarta escola pública da comarca de Arzúa, xunto coas dúas pertencentes á rede autonómica A Galiña Azul, situadas en Arzúa e O Pino; e co Punto de Atención á Infancia (PAI) municipal de Boimorto.

En total, estas catro escolas suman 122 prazas públicas, das que 82 pertencen á rede autonómica. A este respecto, Mato lembrou que o Goberno actual ten duplicado as prazas da Galiña Azul neste territorio, coa apertura do centro de O Pino (41 prazas).

“Esta é unha nova proba do compromiso que ten este Goberno coas escolas infantís como ferramentas de conciliación da vida laboral, familiar e persoal”, subliñou. Unha liña de actuación que se reflicte na propia orde –recentemente publicada- para solicitar praza nos centros da rede autonómica para o curso 2015-2016, que recolle unha oferta total de 9.294 prazas en Galicia distribuídas en 159 escolas. Esta cifra supón un total de 3.827 prazas máis que en 2009, o que en termos relativos se traduce nun 70% de incremento. Só na provincia da Coruña, este aumento nos últimos anos acada as 2.000 prazas e unha porcentaxe do 113%. Deste xeito, “por primeira vez temos alcanzado na nosa comunidade a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos en idade de acceso a unha escola infantil, recomendada pola Unión Europea”, indicou a conselleira.

Xa para rematar, Mato explicou que a “colaboración estreita” co concello de Touro non se limita só á construción desta escola infantil, senón que existen máis liñas abertas. En total, durante o ano pasado a Consellería de Benestar investiu máis de 117.000 euros en distintas liñas de cooperación con esta localidade en materia de servizos sociais. Se se computa desde 2009, este investimento no municipio acada os 2,18 millóns de euros na área de benestar, e os 1,4 millóns no eido do emprego.

17 de marzo de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.