publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Queda atrás o febreiro pequeneiro para dar a benvida a marzo lareteiro en Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

Febreiro pequeneiro chegou ao seu fin con grande éxito de público os domingos no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. Pequenos e maiores, chegados de toda a Costa da Morte, puideron gozar este mes de actuacións musicais e teatrais galegas para dirixidas a diferentes idades. Migallas coas cancións de Pan de Millo; Redrum Teatro, coa fábula Roedores; e a Compañía Animundis do vimiancés Benxamín Queiro, mestura de música e teatro, que conseguiu encher o Auditorio na súa estrea en Vimianzo.

O cambio de mes trae tamén cambio de temática e de público.

Marzo lareteiro, un mes cheo de historias con coñecidos e recoñecidos contadores da nosa terra, dirixidos para o público adulto, todos os domingos de marzo ás 20 horas. Comezará o día 1 co carnotán César Cambeiro, un habitual do teatro e da ficción galega, que nos traerá historias 2.0, dúas lendas tradicionais apuntaladas con contos, risas e retranca. Unha hora para descubrir o humor e as mentiras dos libros de historia. Collerá o relevo de Cambeiro, un habitual neste mes do auditorio vimiancés, Cándido Pazó, que centrará o seu monólogo en Historias con nome de muller, aproveitando que a súa contada será o 8 de marzo, Día internacional da Muller. Celso Fernández Sanmartín acompañaranos o seguinte domingo coa súa habitual retranca debullando contos e historias da vida e da tradición oral. E dúas mulleres serán as protagonistas dos dous últimos domingos, a televisiva Isabel Risco coa superheroína galega Naviza Girl; e para rematar o ciclo de contadas Charo Pita traerá contos de amor, erotismo e morte. As risas estarán aseguradas no Auditorio da Casa da Cultura os domingos deste mes de marzo. A entrada, coma sempre, de balde.

24 de febreiro de 2015 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.