publicidade hoxe

O Concello de Miño adecuará un novo aparcadoiro na Galea para 20 coches

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+

O Concello de Miño proponse adecuar unha parcela municipal situada na Galea, na confluencia da área deportiva da Galea coa estrada AC-160, e crear un novo espazo de aparcadoiro en Miño. En total, permitirá a posta en marcha de 20 novas prazas de aparcadoiro libre. Esta nova zona sumarase á que está practicamente ao lado, que dispón de máis de 92 prazas de aparcadoiro.

As obras a executar pretenden a mellora da accesibilidade ao aparcadoiro público xa existente e aos equipamentos deportivos da área deportiva da Galea. As obras consisten na instalación de rede de saneamento, drenaxes e canalizacións, colocación de bordos e pavimentación de beirarrúas, pavimentación do sobreancho do vial con firme de aglomerado e unha zona axardinada con céspede e árbores; tamén se inclúen conducións de iluminación pública e luminarias en toda a zona da Galea e dende a Galea ata o Lg. da Rigueira.

Actualmente esta rúa é unha importante zona de paso de peóns, moi ben comunicada, e situada ao lado da nova zona deportiva, onde xa se executou a 1ª fase do “Equipamento multideportivo da Galea”. Neste espazo o sobreancho existente da rúa vénse utilizando polos usuarios como aparcadoiro non ordenado; ademais adoitan aparecer restos de entullos non controlados.

O goberno local considera que con esta obra se facilitará o acceso dos veciños aos servizos dispoñibles e co incremento de lugares de estacionamento na zona urbana se mellorará a seguridade vial.

6 de febreiro de 2015 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.