publicidade hoxe

Cores Tourís comproba os traballos das comunidades de montes de Campo Lameiro e Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroCuntisPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita aos montes de Cuntis e Campo Lameiro

Cores Tourís na visita aos montes de Cuntis e Campo Lameiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas por dúas comunidades de montes de Cuntis e outras dúas de Campo Lameiro grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural e do Mar co obxectivo de previr e loitar contra os incendios forestais.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado polo alcalde de Cuntis, Antonio Pena, dos presidentes da comunidade de montes, así como do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

No caso do Concello da Cuntis a Consellería de Medio Rural e Mar aprobou o proxecto de limpeza de monte en rexenerado de pino e roza en 40 hectáreas presentado polas comunidades de montes de Gontade e Cequeril de Cuntis, e Cimadevila e Casiñas e Paraguda en Campo Lameiro. Estes traballos contaron cun investimento de 21.865 euros, dos cales a Xunta aportou 13.824,29 grazas a unha subvención cofinanciada con fondos europeos. “O máis destacable é que as catro comunidades de montes presentaron esta iniciativa de forma agrupada, o que lles permitiu contar con maior puntuación a hora de obter a subvención”, destacou Cores Tourís.

“En relación ao distrito forestal de Pontevedra-Caldas-Salnés, o investimento para estes fins chegaron aos 425.000 euros, dos cales 340.000 corresponderon á aportación da Xunta de Galicia”, explicou Cores Tourís. No caso da provincia de Pontevedra, o investimento superou o millón de euros, 802.000 dos cales proceden da colaboración da administración autonómica.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a administración autonómica está a traballar para que as comunidades de montes leven a cabo o control selectivo de combustible en devesas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos, “co fin de reducir a carga de combustible presente no mente e crear zonas de descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo a diminuír o risco de propagación de incendios e minimizar os danos causados por estes sinistros”, explicou Cores Tourís. Tamén facilitará que se constrúan puntos de auga.

Para estes dous fins, a Consellería de Medio Rural e Mar destinará dúas liñas de subvencións cun orzamento global de 8 millóns de euros, fronte aos 3,3 millóns cos que se contou en 2014. “A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “a incentivación, por parte da Xunta, na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva, contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poden provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, así como a fauna e o medio ambiente en xeral”.

Como novidade, este ano ábresa a liña de subvención para tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, así como para selección de abrochos en rexenerado de eucalipto e a eliminación de acacias.

Poden acollerse a estas axudas os montes veciñais en man común da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto os consorciados coa administración que poderán facelo, eso sí, sobre a superficie non consorciada. A superficie forestal mínima por expediente será de 100 hectáreas.

O ano pasado, investiuse na provincia de Pontevedra un millón de euros en 110 actuacións destinadas a previr e loitar contra o lume, sufragando o 80% a administración autonómica. En total executáronse 17 pozos de auga e actuouse sobre 1.825 hectáreas para tarefas de limpeza e roza.

José Manuel Cores Tourís aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía. “Aínda que estamos en temporada baixa de risco de incendios, está claro que as imprudencias e a gañas de facer dano tamén existen, polo que pedimos a implicación da cidadanía solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.

11 de febreiro de 2015 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.