publicidade hoxe

A praza de abastos da Pobra érguese como dinamizadora do comercio local e clave na oferta turística da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do Caramiñal
A-
A+
Francisco Conde na visita á praza de abastos da Pobra do Caramiñal

Francisco Conde na visita á praza de abastos da Pobra do Caramiñal

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita á Pobra do Caramiñal que o mercado desta localidade é “un exemplo e unha referencia de como facer ben as cousas cando falamos de dinamización do comercio e cando falamos de vincular o comercio ao turismo”.

Sinalou Conde que se trata dun “mercado pioneiro e excelente desde todos os criterios que se poden avaliar, en canto aos servizos que presta ou a atención ao cliente”e recoñeceu neste eido “o labor que día a día fan os praceiros, co importante servizo que lle proporcionan aos clientes”.

O conselleiro, que estivo acompañado polo alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, así como pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, visitou as melloras que veñen de ser realizadas na praza pobrense, cun investimento de preto de 140.000 euros dos cales a Xunta achegou o 75%, e que permiten que este mercado ofreza unha imaxe máis atractiva e un mellor servizo aos consumidores, facéndoo así máis competitivo.

As actuacións realizadas no mercado da Pobra, que Francisco Conde sinalou como “un exemplo da colaboración entre administracións”, leváronse a cabo mediante o programa para apoiar aos concellos no impulso ás prazas e mercados tradicionais, unha convocatoria que este ano conta con preto de 3 millóns de euros e á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 23 de febreiro.

A potenciación das prazas é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao comercio galego da Consellería de Economía e Industria, que leva xa activados nos primeiros 40 días do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Ademais do programa para os mercados, cofinanciado con fondos Feder e que contempla axudas de ata 150.000 euros, hoxe mesmo publícase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para impulsar a calidade e a innovación no sector comercial e artesanal galego, dotada con 2,5 millóns de euros.

Tamén se activaron as axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns, así como o programa de impulso á transmisión comercial, con 150.000 euros.

11 de febreiro de 2015 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.