publicidade hoxe

A Deputación de Lugo remata as obras da residencia con centro de día público da Fonsagrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLugo
A-
A+
Besteiro e o alcalde da Fonsagrada na visita ás instalacións

Besteiro e o alcalde da Fonsagrada na visita ás instalacións

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, supervisaron hoxe o remate das obras da residencia con centro de día público que a Deputación financia ao 100% con 2,1 millóns de euros. Gómez Besteiro destacou que unha vez rematadas as obras de construción, a Deputación ten iniciado o proceso de contratación do equipamento e mobiliario deste centro, para o que o organismo lugués conta cunha partida presupostaria de máis de 100.000 euros.

Besteiro destacou que “unha vez contratado e instalado o mobiliario, poderemos comezar a conratación do persoal e a avaliación das solicitudes de ingreso para poder ter funcionando a residencia con centro de día da Fonsagrada, co que os maiores deste Concello e dos limítrofes contarán cun servizo de calidade no rural para que non teñan que abandonar os seus fogares”. Ao longo do mes que vén estarán definitivamente rematadas as obras, para poder proceder á avaliación de solicitudes e contratación do persoal necesario, de xeito que podería estar funcionando no mes de setembro.

O Presidente insistiu, ademais, na necesidade de que a Xunta de Galicia “concerte prazas en centros públicos, ao igual que o está a facer nos privados”, o que pode supoñer unha redución dun 50% nos custes para os usuarios, e destacou que, malia que os datos do Mapa de Equipamentos Sociais, elaborado pola propia Xunta, revelan que a provincia de Lugo conta con 662 prazas públicas residenciais cando precisaría dun mínimo de 1.228 prazas para acadar os ratios mínimos de cobertura asistencial, a Conselleira de Benestar, Beatriz Mato, chegou a afirmar que os centros para maiores en Lugo “non son prioritarios nin necesarios”.

Besteiro subliñou que a Xunta é a administración galega responsable da concertación de prazas e instou a Feijóo a “non discriminar tamén neste aspecto á provincia de Lugo, negándolles aos seus veciños o acceso a este servizo, ao igual que llo está negando cos servizos sanitarios básicos, que si teñen os galegos doutras provincias”. De feito, A Fonsagrada poderá contar con esta dotación grazas ao esforzo inversor da Deputación, xa que malia que a Xunta de Galicia comprometera a súa execución no ano 2009, o Goberno de Feijóo non chegou nin a contemplala nos orzamentos da Xunta.

Características
A residencia e centro de día público atópase no centro da capitalidade fonsagradina, concretamente, no edificio da Fundación Rois de la Peña, na rúa Parque. Cunha superficie de 1.675 metros cadrados distribuídos en dúas plantas, as instalacións ofrecerán 24 prazas de residencia e 30 de centro de día. Na planta baixa estarán situadas os espazos comúns, como o comedor ou a sala de lectura e televisión, así como os servizos de nfermaría, cociña, lavandería, etc. Na planta superior ubicaranase as habitacións con baños.

Apertura de 6 centros
Xunto coa da Fonsagrada, as previsións do organismo provincial son abrir, este mesmo ano, outros 5 centros para maiores, cos que se xerarán máis de 60 postos de traballo para a súa atención. O Orzamento 2015 recolle unha partida de 425.000 euros para a contratación de persoal e gastos correntes destas residencias de terceira idade con centros de día.

Deste xeito, tamén está rematada a de Castroverde, mentres que as obras das de Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Pol están moi avanzadas, e está a ultimar o proxecto de Navia de Suarna. En canto á de Ribas de Sil, a Deputación está agardando polo informe favorable da Xunta de Galicia, e no caso da residencia con centro de día de Guitiriz, está pendende de que o Concello guitiricense aprobe a modificación puntual do planeamento municipal, que lle redactou a Deputación co fin de axilizar os trámites necesarios para o inicio do proxecto da Casa da Botica.

Son 10,5 millóns de euros o investimento que achega a Deputación para a construción destas 8 residencias e centros de día, proxectos conxuntos de Deputación e Concellos de todas as cores políticas para potenciar o benestar social e o emprego, dinamizar a economía local e combater o despoboamento demográfico.

19 de febreiro de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.