publicidade hoxe

Xunta e concello de Sober colaboran na mellora do entorno da casa consistorial e o acceso aos servizos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, visitaron as obras de reforma e urbanización do entorno da Casa do Concello que se realizaron ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta.

A través destas axudas, o Goberno galego apoia aos concellos galegos para financiar estruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se prestan servizos administrativos, entre outras actuacións.

Estas pequenas iniciativas benefician directamente aos cidadáns e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións, neste caso concreto a Xunta e o Concello, que aunaron esforzos para facer fronte aos preto de 50.000 euros que custou a intervención. Ademais, este esforzo colectivo permitiu que os veciños e veciñas de Sober conten cun espazo renovado e cun mellora acceso ás dependencias e servizos municipais.

A Xunta continuará facendo un esforzo para apoiar aos concellos, non só a través desta orde, senón de moitas axudas máis cuxo compromiso xa se reflicte nos Orzamentos. É o caso do Fondo de Cooperación Local, que se mantén un ano máis; o Fondo de Compensación Ambiental; as axudas para o mantemento dos CIMs; ou o apoio decidido a aqueles concellos que opten por cooperar entre si, entre outros exemplos.

Reforma dun espazo público

As obras realizadas en Sober comprenderon a mellora e reforma do espazo público do entorno da casa consistorial, mediante a reurbanización dos pavimentos existentes e a mellora da distribución da rede de servizos municipais.

Deste xeito, creouse un ambiente peonil que favorece os movementos cotiás entre as distintas dotacións que forman o conxunto: a Casa do Concello, o Centro Sociocultural, a Biblioteca e o Rexistro.

Orde de infraestruturas

A Orde de Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños. O ano pasado beneficiáronse destas axudas máis de 70 concellos a través de diversos proxectos.

En 2015 a dotación é de dous millóns de euros, que serán cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), xa que un dos seus obxectivos é mellorar tamén as condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais e redundar, unha vez máis, na aposta da Xunta polo rural galego.

14 de xaneiro de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.