publicidade hoxe

Xantar 2015 apostará pola profesionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseOurense
A-
A+

Xantar 2015 profesionalízase e medra o número de actividades con marcada compoñente formativa orientadas a empresarios, traballadores e estudantes do sectores da hostalería, gastronomía e turismo, que supoñen dende hai varias edicións máis do 35% do total de visitantes ó salón. Este foi o tema sobre o que xirou a reunión do comité asesor de Xantar celebrado esta mañá en Expourense no que foi perfilado o programa de actividades da vindeira edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico que terá lugar no recinto feiral ourensán entre o 4 e o 8 de marzo vindeiros e que ven de ratificar por sgeundo ano consecutivo o selo de “Feria Comercial Internacional” por resolución da Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, o que a converte nunha das cinco feiras internacionais de turismo celebradas en España e na única especializada en gastronomía.

Entre as novidades desta próxima edición de Xantar será a creación dun “Túnel do Viño”, un espazo que ten o obxectivo de potenciar o consumo do viño de calidade producido en Galicia entre os visitantes profesionais que cada ano chegan ata Expourense procedentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como das comunidades limítrofes e entre os que destaca a participación de prensa especializada e blogueiros gastronómicos de toda a Península Ibérica. A principal motivación daqueles que visitan Xantar é a busca dunha experiencia gastronómica, polo tanto este escenario é idóneo para favorecer accións de sensibilización relacionadas coa produción vitivinícola da nosa área xeográfica.

Outra das novidades de Xantar será o “Premio Xantar ó Menú máis Saudable” que será elixido pola Consellería de Sanidade entre todos os menús ofrecidos pola vintena de restaurantes que participarán en Xantar.

O programa de actividades de Xantar 2015, enmarcadas no “X Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde”, incluirá tanto conferencias de expertos en nutrición como exhibicións de cociña en directo a cargo de recoñecidos chefs, ademais de catas comentadas e degustacións que nesta ocasión terán tamén como obxectivo apostar pola diferenciación dos produtos gourmet e pola innovación no eido da alimentación e da hostalaría.

Outra das actividades que terá continuidade será o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que agarda repetir o éxito da última edición na que reuniu a máis de 40 entidades sendo o segundo encontro deste tipo con máis representantes a nivel mundial. Acollerá ademais a celebración de Capítulos especiais como é o caso da Confraría Internacional Chaînes des Rôtisseurs.

Presentación en FITUR

Outro do temas abordados nesta reunión do comité asesor de Xantar foi a presentación en FITUR. O salón presentará a súa edición de 2015 na Feira Internacional de Turismo que se celebrará en Madrid a vindeira semana. Este acto terá lugar o xoves 29 ás 16.30 h. no posto de Galicia (Pavillón 9-9C05/9C07). Estarán presentes representantes do Goberno Galego, do Concello de Ourense e das comunidades e país invitado, ademais de membros do Comité Asesor de Xantar e do Padroado de Expourense. A este acto están convidados todos os profesionais do turismo gastronómico e medios de comunicación.

Comité Asesor

A esta reunión do comité asesor de Xantar acudiron representantes das distintas administracións como Turismo de Galicia, a Consellería de Sanidade ou a de Medio Rural e Mar ou a Concellería de Medio Ambiente ou a de Turismo de Ourense. Tamén participaron distintos representantes de entidades como o Cluster de Turismo de Galicia, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (ANFACO); o Consello Regulador do Ribeiro, a Asociación Galega de Turismo Rural AGATUR, a Asociación Energcocina ou a Academia Gastronómica.

20 de xaneiro de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.