publicidade hoxe

Un centenar de nenos de Tomiño poderían quedar sen o apoio do programa Proa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Máis dun centenar de alumnos e alumnas de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria de Tomiño, con dificultades de aprendizaxe, poderían quedar sen o acompañamento escolar fora do horario lectivo, que até o de agora, viñan prestando, centros coma o Instituto e os colexios Pedro Caselles, Tebra e Sobrada, dentro dos Contratos Programa coa Consellería de Educación (na súa modalidade PROA).

Carlos Villanueva, director do IES de Tomiño, explicou que con data 23 de xaneiro, publicouse unha resolución provisional na que o Instituto figura coma centro admitido, pero “as condicións que propón a Comisión de Selección, recibidas o día 26, non contemplan a adxudicación de docentes externos, o cal, imposibilitaría a posta en práctica do programa”. Nos outros centros do Concello o programa podería funcionar con profesorado do centro, pero coa imposibilidade de contratar aos profesores externos solicitados.

Na reunión do Consello Escolar do IES, á que asistiu a alcaldesa Sandra González, como representante do Concello, acordouse solicitar á Asesoría de Programas Educativos da Consellería que modifique a súa proposta e permita a contratación de docentes externos.

Por outra parte, os directores dos centros de ensino do concello queren elaborar unha proposta conxunta que permita o mantemento deste mecanismo de atencións á diversidade.

A alcaldesa de Tomiño apoia as reivindicacións do equipo docente e do consello escolar, ao entender que “a Consellería de Educación xoga ao despiste, ao outorgar o programa pero non dotalo de profesores”. A rexedora lembra que “a educación ten que ser unha prioridade para as administracións” e pensa que estes son os “recortes silenciosos” que precisamente afectan a quen máis axuda precisa.

Segundo informa o director do IES, o centro leva xa tres anos desenvolvendo o programa de acompañamento escolar con docentes propios, pero para a cuarta edición, solicitouse por primeira vez adxudicación de profesorado externo, xa que esta vez non foi posible contar coa participación dos docentes do centro.

Comenta Villanueva que a renuncia ao programa ocasionará a imposibilidade de atender a un grupo de 72 alumnos de ESO que solicitaron o programa este curso. “Trátase dun alumnado especialmente sensible, con baixo rendemento académico por diferentes causas, aos que non é posible axudar suficientemente no horario lectivo”.

Hai que ter en conta que os IES de Tomiño xa sufriu un importante recorte de persoal, pasando de 72 profesores a 60, que son os que ten na actualidade, polo que o centro viuse obrigado a suprimir os agrupamentos específicos. “Dende entón, os contratos programa foron a principal actuación coa que contabamos para tentar paliar o grave problema de fracaso e abandono escolar que sofre o noso centro”.

31 de xaneiro de 2015 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.