publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comezan as obras de reforma da travesía da Pobra de San Xiao nas que se invisten preto de 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLocal PortadaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe A Pobra de San Xiao para supervisar o inicio das obras de mellora da estrada LU-621 ao seu paso pola localidade, nas que o Goberno autonómico inviste preto de 400.000 euros (398.907 euros).

Arias, que estivo acompañada polo alcalde de Láncara, Eladio Capón, puido coñecer sobre o terreo os pormenores dos traballos, que afectarán a un tramo de 600 metros de vía que atravesa o núcleo de poboación.

A delegada indicou que “esta obra mellorará visiblemente a imaxe da vila, xa que inclúe a renovación das beirarrúas e da calzada e a substitución das luminarias actuais, pero ademais introducirá melloras nos servizos básicos das que se beneficiarán todos os veciños e veciñas”.

En concreto, o proxecto da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprende o reforzo do firme da calzada, a construción de novas beirarrúas e a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais. Igualmente, está prevista a canalización da rede de iluminación pública e a substitución das luminarias actuais.

A delegada explicou que estes traballos contan cun prazo de execución de seis meses, “tralo cal A Pobra disfrutará dunha rúa totalmente renovada, máis segura para o tráfico e para os peóns e máis funcional para os veciños, dado que nesta área os servizos públicos quedarán actualizados”.

Características do proxecto

O proxecto implica a demolición das beirarrúas existentes e a reconstrución en ámbalas dúas marxes doutras que estarán rematadas con baldosa cadrada de cores branco e vermello -dispostas segundo modelo municipal-, sobre capas de zahorra e formigón. As beirarrúas remataranse cun bordo de formigón macizo, montado sobre formigón e morteiro de asento e finalmente rexuntado. Entre beirarrúa e calzada executarase unha cuneta de formigón de 30 centímetros de ancho. Finalmente, dispoñerase unha capa de aglomerado logo da extensión dun rego de adherencia.

En relación ao abastecemento, repoñerase na marxe esquerda da rúa cunha canalización de tubaria, incluíndo as acometidas domiciliarias a vivendas e parcelas e chaves de paso, todas elas protexidas en arquetas de formigón. Complementarase a rede con dúas bocas de rego/incendios.

En canto á rede de saneamento, tamén se renovará o servizo existente cunha canalización de tubaria, completada con pozos de rexistro, acometidas a soares e vivendas. O mesmo sucederá coa rede existente de augas pluviais, que se substituirá por tubo neste caso de 315 mm de diámetro, con pozos e sumidoiros de formigón, incluído cada un deles unha reixa.

Finalmente, a reposición do servizo de iluminación pública leva consigo a desmontaxe da liña e a retirada dos postes existentes, así como a colocación de novos puntos de luz.

19 de xaneiro de 2015 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.