publicidade hoxe

Cerdedo solicita á Deputación de Pontevedra a contratación de 14 traballadores desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedo
A-
A+

O equipo de goberno que encabeza José Balseiros e en estreita colaboración co axente de emprego e desenvolvemento local Carlos Otero, desenvolveu un ambicioso plan de emprego local hai 5 anos, que se actualiza anualmente, coa idea de que a pesar das especiais dificultades dos últimos anos, os veciños desempregados de Cerdedo poidan beneficiarse de distintos programas das administracións supramunicipais, con empresas privadas e con convenios de colaboración asinados polo propio Concello con diferentes organismos.

Deste modo, o Concello pretende dar resposta non só á crise empresarial, que frea o desenvolvemento económico do municipio, senón tamén á súa visión máis social, o desamparo daquelas familias nas que algún ou, en casos, todos os seus membros, quedaron no paro.
As políticas de promoción económica que se están a desenvolver no noso concello, evolucionaron conceptualmente en función dos novos requirimentos da economía e da xa dilatada experiencia. Basicamente, podemos facer referencia ás tres vías nas que se traballa para a inserción laboral, que son:

a) As iniciativas da administración local, é dicir, programas do propio Concello de Cerdedo a través de convenios de colaboración con institucións, empresas, universidade, etc…

b) As Políticas Activas de Emprego das administracións públicas supramunicipais, como pode ser por exemplo Xunta e Deputación a través dos programas de cooperación, Obradoiros, cursos do plan AFD, etc….

c) As iniciativas privadas de promoción empresarial e de desenvolvemento económico.

En relación a estas liñas e en concreto ás políticas activas de emprego, o Concello acaba de solicitar ao ente provincial a contratación de 14 traballadores desempregados para realizar traballos de acondicionamento e limpeza das zonas verdes, axardinadas e espazos naturais coa idea de poñelos en valor e que sirvan como recurso para a visita ao noso concello de turistas. Estes contratos terán unha duración de 6 meses tendo como data prevista de inicio o próximo mes de marzo; o tipo de xornada será parcial de 25 horas/semanais e categoría de peóns. As principais tarefas que desenvolverán estes traballadores son: limpeza das rutas de sendeirismo, limpeza e acondicionamento das áreas recreativas, poda de árbores, mellora de espazos naturais, limpeza de propiedades municipais, limpeza de viais interiores en todas as parroquias, etc…

O proceso de selección do persoal efectuarase a través da Oficina de Emprego de Pontevedra e os interesados deben cumprir os seguintes requisitos (marcados polas bases reguladoras das axudas):

. Ser desempregado e estar anotado na Oficina de Emprego de Pontevedra.

. Non ser perceptor de prestacións ou perceptor de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA).

Terán prioridade os candidatos que leven máis dun ano anotados no paro, que non traballasen na anualidade anterior do programa, os que teñan nivel de renda máis baixo e os que teñan cargas familiares.

A oficina de emprego de Pontevedra, será a encargada da remisión dos candidatos e do proceso selectivo do persoal. Este persoal será subvencionado na súa totalidade (costas salariais e de seguridade social) pola Deputación Provincial de Pontevedra sen supoñerlle ningún custo adicional ao Concello.

En breve tamén solicitaremos os cursos de formación da Consellería de Traballo e Benestar(antiguos cursos Plan FIP). Para isto estase á espera de de que saia a orde que os regula e o Concello está a analizar os diversos itinerarios formativos e que máis demanda de traballo teñen para solicitar esas especialidades e formar auténticos profesionais que posteriormente acudan mellor preparados ás entrevistas de selección e cun título.

“Con estas medidas buscamos minimizar os efectos que a crise provoca nos pequenos concellos e como primeira liña de traballo queremos buscar a inserción laboral dos desempregados de Cerdedo, de aí a grande importancia que lle prestamos a este plan de emprego local que se basea en buscar distintas liñas de colaboración para inserir no mundo laboral aos nosos desempregados. Este ano será moi importante para poñer en marcha ademais o convenio coa Universidade de Vigo e en concreto coa Escola de Forestales que ademais nos permitirá que futuros profesionais realicen aquí importantes traballos fin de carreira e axuden á creación tamén de traballo e desenvolvemento económico de Cerdedo. ” Declara o Alcalde.

16 de xaneiro de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.