publicidade hoxe

Cedeira inicia os traballos de implantación da Zona 30 no casco urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+
Implantación da Zona 30

Implantación da Zona 30

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, anunciou esta mañá o inicio dos traballos para facer realidade o proxecto Cedeira Zona 30. Unha iniciativa coa que se limitará a velocidade máxima a 30 kilómetros por hora no casco urbano para recuperar a rúa como lugar de encontro social, creando un entorno máis amable e afastado da presión do tráfico, onde se asegurará a mobilidade para conseguir unha correcta convivencia entre vehículo e peón, garantindo os dereitos destes últimos. Nesta liña, o rexidor explicou que nas últimas semanas o Concello iniciou a instalación da sinalización vertical informativa correspondente, así como o pintado da limitación das vías a 30.

Outra das medidas xa executadas foi a colocación de balizas luminosas nos pasos de peatón para facilitar a visión dos conductores pola noite, tamén a construcción de pasos elevados que funcionarán como reductores de velocidade. De feito, esta última é a filosofía que está a seguir o Concello na execución dos traballos de pavimentación de viais no entorno do casco urbano e así continuará en proxectos futuros. No seu conxunto, Luis Rubido confía en que os traballos conclúan no prazo de dous meses, tras o cal será efectiva a zona 30 e Cedeira se convertirá entón nunha das primeiras vilas de Galicia neste terreo. De feito, o alcalde apunta que o municipio está a tomar como exemplo a Pontevedra, a primeira de España na súa implantación e con moi bos resultados. Cedeira Zona 30 virá acompañada da posta en marcha do servizo municipal de aluguer de bicicletas, co que se quere potenciar este tipo de transporte para os desprazamentos polo centro urbano. O Concello xa iniciou a instalación das primeiras bases de ciclos –previstas estas na praza da Marieta, no entorno da Oficina Municipal de Turismo e do pavillón polideportivo. Un proxecto cuxo uso se regulará a través dunha ordenanza municipal que, a próxima semana, irá a pleno.

Neste sentido, o alcalde sinalou que en determinadas zonas o ciclista terá preferencia sobre o turismo. As Zonas 30 teñen a súa orixe nos anos 80 en países europeos como Holanda e Dinamarca. E, en España, Pontevedra constitúe un dos máximos referentes. Trátase dunha medida que avalan administracións como a Federación Española de Municipios e Provincias ou a Dirección Xeral de Tráfico; entidades como Ecologistas en Acción, Stop Accidentes, Andando e Conbici ou mesmo clubs de automobilistas como a Fundación RACC. Os obxectivos fundamentais pasan por mellorar a calidade de vida do cidadán, recuperando a rúa como punto de encontro social; incrementar a seguridade vial; acadar unha maior calidade ambiental reducindo as emisións contaminantes e o ruido, consumo de combustible e mellorando a eficiencia enerxética, e promover a captación de novos veciños, con domicilio habitual ou segunda residencia. Obxectivos que levan parellos as Zonas 30 coa ventaxa engadida de que a súa implantación non supón un custe económico elevado, inasumible no actual contexto de crise.

21 de xaneiro de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.