publicidade hoxe

A conselleira de Medio Ambiente clausura en Abegondo a conferencia do proxecto ECOWAS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, presidiu hoxe a clausura da conferencia do proxecto ECOWAS na localidade coruñesa de Abegondo, actuación que se enmarca no programa Europa cos Cidadáns, impulsado pola Unión Europea. Ethel Vázquez loou esta iniciativa que explora e fomenta estratexias conxuntas de mellora no tratamento e xestión dos residuos e promove unha maior concienciación para o fortalecemento dunha cultura ambiental.

A responsable de Medio Ambiente do Goberno galego lembrou que un dos propósitos do seu departamento é “alcanzar os obxectivos que marcan as directivas europeas en materia de residuos e, para isto, dotámonos dos instrumentos axeitados, como a posta en marcha do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020, unha folla de ruta que pretende o fomento da estratexia dos chamados tres “R”: redución, reutilización e reciclaxe, para o que se fai imprescindible a implicación cidadá”.

Na súa intervención, Ethel Vázquez subliñou que “a colaboración de toda a poboación é un paso fundamental para ir diminuíndo a xeración de residuos, polo que debemos comezar polos máis novos: concienciando os nosos fillos e facendo que medren sendo conscientes da importancia da preservación e do coidado do noso medio. Así, temos que explicar, educar e implicar os nosos rapaces en valores de respecto ambiental para que desde pequenos vaian adquirindo hábitos de consumo responsable e pautas de reciclaxe, porque isto será fundamental para o futuro”.

Vázquez concretou que lograr “un modelo de xestión sustentable e reducir as repercusións ambientais dos residuos, tal e como recolle o Plan que puxemos en marcha, precisa do esforzo e do concurso de todos os axentes implicados: administracións, empresas, xestores, centros educativos e sociedade en xeral e, desde o Goberno galego, poñemos especial empeño en concienciar á cidadanía da súa indispensable contribución nesta materia”.

ECOWAS

ECOWAS foi celebrando diversos eventos internacionais que impulsan a participación cidadá e facilitan o intercambio de boas prácticas para a consecución dos fins que se ten marcado. Un destes encontros, e o que pecha o proxecto, é o que reuniu en Galicia destacados expertos na materia, tanto do ámbito español como europeo. Entre 2013 e 2015 ECOWAS logrou unir os veciños de Abegondo e doutras cinco localidades europeas: Mölndal, en Suecia; Traversetolo, en Italia; Hasselt, en Bélxica; e Sosnowiec e Lublin, en Polonia, sumando máis de 700.000 persoas.

Este evento permitiu, durante dous días, confrontar distintas estratexias de educación, información e sensibilización; valorar modelos e infraestruturas para mellorar a recollida selectiva de residuos; estudar como aumentar a motivación dos cidadáns; e comprobar a eficacia da compostaxe doméstica como medida para a prevención de residuos orgánicos no ámbito rural. Ademais de dar a coñecer as máis novidosas iniciativas de reutilización que, ademais de reducir o impacto ambiental, propician a innovación e contribúen a xerar emprego no ámbito local.

23 de xaneiro de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.