publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Parque Natural do Invernadoiro incrementa as súas visitas que ascenderon a 1.490 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVilariño de Conso
A-
A+

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, vén de presidir a xunta consultiva do Parque Natural do Invernadeiro, situado no Concello de Vilariño de Conso, na provincia de Ourense. Este espazo protexido incrementou as súas visitas e está a potenciar as súas actividades, ademais de fomentar as medidas de protección do mesmo.

Durante a xuntanza, deuse conta de todas as accións e actividades que se levaron a cabo nesta zona protexida durante este ano. En concreto, fixéronse 199 autorizacións de visitas diarias e 18 autorizacións para actividades de educación ambiental na Aula da Natureza e dúas autorizacións de proxectos de investigación.

Os membros da xunta consultiva informaron que o total de visitantes, sumando visitas diarias e da Aula da Natureza, ascendeu a 1.490 persoas; así mesmo estase executando a proposta de Acondicionamento de infraestruturas de uso público, que conta cun orzamento de case 59.000 €, dividido en dúas anualidades, 31.029,57 €. Este ano e 27.840,97 euros no vindeiro exercicio.

Por outra banda, concedeuse unha axuda ao concello de Vilariño de Conso para o acondicionamento de camiño de acceso a Castiñeira, por un importe de 20.000 €, tamén repartido en dúas fases: 8.994 € para este ano e 11.006 € para o ano 2015. Así mesmo, saneáronse 44 cabras bravas procedentes do cercado da Ribeira Pequena, das que se liberaron no parque 36 delas.

Co fin de colaborar na xestión dos espazos naturais protexidos e canalizar a participación dos propietarios e os intereses sociais e económicos afectados, a lexislación prevé que en cada parque natural se constitúa unha Xunta Consultiva, que terá a natureza de órgano colexiado asesor.

Situación do parque

Este espazo ten uns montes que conforman un lugar de grande importancia ecolóxica no ámbito de Galicia, tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats, como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. O seu réxime é de propiedade pública, no que as 5.722 hectáreas, pertencen ao Goberno galego desde 1984, sendo declarado Parque Natural en 1997, así como o feito da inexistencia no seu interior de núcleos habitados son dous rasgos diferenciadores.

Neste área tamén existen zonas de especiais tanto de protección dos valores naturais como é a parte formada por parte do Macizo Central, é dicir, 46.829,43 ha; como de conservación, formando parte do Macizo Central, 46.829,43 hectáreas. Ademais, ten unha elevada diversidade biolóxica e de natureza endémica dalgunha das súas especies estando completa a cadea trófica, co lobo e a aguia real na cima da pirámide; e os principais hábitats son as uceiras, tamén son de elevado interese as carballeiras e bosques de acivro así como os ríos e rochedos.

Para acceder ao parque é precisa unha autorización por escrito do Servizo de Conservación da Natureza de Ourense, que se concede a un máximo de 30 persoas en días laborais e 50 en festivos e fins de semana. No caso dos grupos de escolares, existe a posibilidade de realizar actividades de educación ambiental durante varios días nas instalacións da Aula da Natureza.

Este espazo conta con dous dormitorios individuais e dous dormitorios colectivos con capacidade total de 58 prazas, sala de xogos, laboratorio-biblioteca, aula de proxeccións, enfermería, comedor e cociña industrial.

Así mesmo, na zona existe un punto de Información da Ribeira Pequena, o aula da Natureza, na Ribeira Grande; cercados de fauna; centro ictioxénico e seis rutas de senderismo sinalizadas. Na actualidade non existen núcleos habitados dentro do parque. O rango altitudinal vai dos 880 m no encoro das Portas, aos 1.600 metros.

5 de decembro de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.