publicidade hoxe

A Plataforma Salvemos Cabana analiza en Cataluña o conflito socioambiental xerado pola minaría do ouro en Asturias e Galicia

A Plataforma participa nunha xornada divulgativa na localidade de Súria (Barcelona), na que realizarase unha análise comparativa dos proxectos auríferos de Salave e Corcoesto e toda a problemática derivada da acción das grandes transnacionais do sector mineiro sobre as comunidades afectadas por megaproxectos extractivos.

A sesión desenvolverase o 10 de decembro en horario de 11:20 a 14:30 na sala de conferencias do INS Mig-Món e analizará en detalle a evolución da minaría do ouro en España nos dous proxectos máis polémicos; o de Corcoesto, finalmente cancelado pola Xunta de Galicia, e o de Salave en Asturias, actualmente en fase de tramitación ambiental e que desatou a rotunda oposición de asociacións veciñais e colectivos ecoloxistas de todo o Principado.

Así, a mina de ouro de Corcoesto, na Comarca coruñesa de Bergantiños, prevía empregar anualmente inmensos volumes de reactivos na recuperación do mineral, como 2.856 toneladas métricas de ácido clorhídrico, 4.368 de cianuro ou 6.384 de sosa caústica, xerando a cambio máis de 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos ao final da súa vida útil, o que rematou por xerar unha inusitada reacción social contra a megaminaría e provocar a anulación do proxecto por parte das autoridades galegas.

Pola súa banda, o proxecto mineiro de Salave, tal como está concibido actualmente, desautorizouse pola Confederación Hidrógráfica del Cantábrico, organismo competente en Asturias en materia de augas, ao evidenciar a existencia de risco de afectación sobre o dominio público hidráulico e a vertedura de substancias como o arsénico, cobre, cromo, mercurio, níquel, chumbo, selenio ou cinc a niveis superiores aos autorizados pola normativa e potencialmente perigosos para o medio ambiente.

UNHA BISBARRA CATALANA AFECTADA DENDE HAI ANOS POLO SECTOR MINEIRO

O acto celebrarase en pleno corazón da Comarca barcelonesa do Bages, afectada polas entulleiras salinas da conca do río Llobregat procedentes das minas de potasa de Iberpotash, filial da israelí ICL, que está a provocar unha seria afectación na calidade das augas destinadas ao consumo humano que abastece á área metropolitana da capital e que a propia Comisión Europea cualificou como “un perigo para a saúde das persoas”.

10 de decembro de 2014 | 10:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.