publicidade hoxe

O Concello de Ferrol reparará viarios de Santa Icía e zonas rurais con cargo ao POS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Ferrol, Borja Carro Muñoz, atendeu hoxe a petición dos grupos municipais de pospoñer o ditame sobre a licitación do novo contrato de subministro, servizos enerxéticos e mantemento de instalacións de alumeado público exterior e dependencias municipais. Este foi un dos asuntos tratados na comisión informativa da área celebrada esta maña, en que tamén se aprobaron novos proxectos de mellora de camiños, pistas e estradas situadas nas parroquias do rural que o Goberno Municipal financiará con cargo a dous programas: O Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación Provincial da Coruña e o Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) da Xunta de Galicia.

No que atinxe a esta última cuestión, o PEIM de Medio Rural permitirá financiar con máis de 80.000 euros a pavimentación do Camiño da Pedreira e o Camiño da Fonte de Vidre en Covas, así como o firme da estrada do Lago en Doniños e da pista en Lobadiz, San Xurxo. Ademais, a Administración ferrolá destinará case 300.000 euros para acometer, a través do POS da Deputación da Coruña as seguintes intervencións: pavimentación da pista en Leixa -desvío da estrada de Santa Icía-; accesos á Aldea A Pega; asfaltado da pista en Mandía -dende o campo de fútbol cara Papoi. Así mesmo, con cargo a este mesmo plan provincial tamén se acometerá o pavimentado da estrada de Santa Icía e da pista en Papoi que vai dende a Asociación de Veciños de Marmancón cara abaixo; así como o asfaltado de pista en Muíño Vello e a recollida de augas pluviais na Costa de Chamorro.

Sánchez Calviño e rotonda da Praza de Canido

En canto ás actuacións do Plan de Renovación Integral de Viarios na zona urbana, o edil Borja Carro informou de que os operarios da empresa encargada da execución deste programa teñen previsto entre hoxe e mañá a finalización dos traballos de aglomerado na rúa Sánchez Calviño, en Ultramar, despois da eliminación do adoquinado nesta calzada. Na xornada de mañá comezarán as tarefas de renovación integral da rotonda da Praza de Canido con labores de fresado no firme. Esta actuación non suporá corte algún de tráfico rodado posto que se habilitará un carril para a circulación.

Novo contrato de alumeado

E por último, a comisión informativa de Urbanismo, Medio Ambiente, Servizos e Seguridade decidiu esta mañá deixar enriba da mesa a proposta de aprobación da convocatoria de licitación para a contratación do subministro, servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior e dependencias municipais do Concello de Ferrol. O titular de Medio Ambiente e Servizos atendía así á petición realizada polos grupos municipais que desexan máis tempo para analizar o prego, segundo explicou.

Ao respecto, o concelleiro Borja Carro indicou que a próxima semana se realizará unha reunión informativa na que ademais dos representantes dos grupos municipais na comisión estarán presentes o enxeñeiro municipal que participou na elaboración do prego xunto con membros do ITEGA. O edil ferrolá sinalou que a licitación do novo contrato de subministro e mantemento eléctrico levarase a pleno en decembro, previsiblemente nunha sesión de carácter extraordinario.

26 de novembro de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.