publicidade hoxe

O Concello de Cedeira saca a contratación as obras de captación e abastecemento a San Andrés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, informou esta mañá de que o Concello vén de sacar a licitación as obras de captación e abastecemento de augas a San Andrés de Teixido. Unha intervención orzamentada en 138.407 euros que cofinancian a Deputación provincial da Coruña, aportando vía convenio de colaboración ata o 80% do custe total, e o propio Concello cedeirés, sufragando o 20% restante –máis de 23.000 euros. Deste xeito, o alcalde da vila, Luis Rubido, sinala que se trata dunha actuación clave, xa que permitirá dotar ao núcleo de poboación de Teixido dun servizo básico, tal e como viñan reclamando os residentes.

E, doutra banda, esta inversión facilitará o desenvolvemento turístico da zona impulsando a hostelería e aumentando os seus servizos. Fundamental, nun dos principais destinos de peregrinaxe de Galicia. Así, as obras permitirán a captación das augas dende a coñecida como Fonte dos Romeiros ata o núcleo de poboación, que xa dispón da rede necesaria para abastecer ás vivendas unha vez que estas procedan ao enganche. Deixarán así de verse na obriga de recurrir a pozos privados para acceder ao servizo. O proxecto dos traballos estima un prazo de execución de tres meses.

27 de novembro de 2014 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.