publicidade hoxe

Mondariz-Balneario aforrará o 55% do seu recibo da luz ao mellorar a súa eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz-BalnearioPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Mondariz-Balneario

Cores Tourís na visita a Mondariz-Balneario

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas no concello de Mondariz-Balneario para mellorar a eficiencia enerxética deste municipio, executadas a través dunha liña de axudas da Consellería de Economía e Industria.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, José Antonio Lorenzo, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 20.000 euros de investimento que se destinaron a obras de mellora enerxética no concello de Mondariz-Balneario e dos que 17.000 euros corresponderon a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

“En concreto cambiaronse 96 puntos de luz que ata a súa renovación estaban compostos por 59 lámpadas de vapor de sodio e 37 equipos led. Agora conta con 21 lámpadas de sodio de alta presión e 75 equipos led. Esto suporá un aforro do 55% no recibo da luz do concello de Mondariz-Balneario, cifrados nuns 5.000 euros”, explicou Cores Tourís.

O responsable da Xunta en Pontevedra tamén comentou que “con esta actuación conseguirase un aforro enerxético de 26.996 kWh ao ano no municipio de Mondariz -Balneario”. “Esta iniciativa permitirá a redución das emisións de CO2 en 17,55 toneladas ao ano, o equivalente a 877 árbores plantados”, matizou finalmente o delegado territorial.

A maiores de Mondariz-Balneario, tamén se veron beneficiados os concellos de Fornelos de Montes, Mos, Salceda de Caselas e Ponteareas. Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria achega máis de 170.000 euros para o desenvolvemento deste proxecto. Deste xeito, como indicou Cores Tourís, o concello de Fornelos de Montes recibe preto de 42.000 euros; Salceda de Caselas, 51.000 euros; Mondariz-Balneario, 17.000 euros; Mos, arredor de 26.000 euros; e Ponteareas, 34.000 euros. En total, modificaranse un total de 429 puntos de luz no conxunto dos cinco concellos.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

Segundo apuntou o delegado territorial, a Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden á provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”.

En total, 42 concellos da provincia de Pontevedra téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes e que, desta volta, promoveu unha vez máis os proxectos colaborativos como o de Salceda de Caselas, Fornelos de Montes, Mos, Ponteareas e Mondariz-Balneario, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

10 de novembro de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.