publicidade hoxe

Industria inviste 144.000 euros na mellora do polígono industrial da Madanela e na renovación do alumeado público da rúa Martagona de Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMelide
A-
A+
Belén do Campo na visita a Melide

Belén do Campo na visita a Melide

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Melide, para supervisar o avance de diversos proxectos subvencionados pola Consellería de Economía e Industria no municipio, que en total supoñen un investimento de máis de 144.000 euros.

En primeiro lugar, Do Campo, acompañada pola alcaldesa, Ángeles Vázquez, desprazouse ao polígono empresarial da Madanela, onde esta mesma semana arrancaron os traballos para instalar un novo sistema contraincendios. Esta actuación cofinanciarase entre o concello e o departamento autonómico, que destinará unha achega de 95.824 euros, que supón o 80% do investimento total.

A delegada territorial explicou que as obras servirán para colocar unha rede de hidrantes para facilitar a prevención e extinción de incendios no parque industrial. Así, canalizarase unha tubaxe de abastecemento e en cada unha das parcelas haberá unha boca para hidrantes. A instalación completarase cun depósito de almacenamento de auga de 141 metros cúbicos de capacidade.

A máxima representante do Goberno galego na provincia indicou que esta axuda enmárcase no programa de apoios impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais. “A través destas liñas de subvencións impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.

En total, 21 concellos da provincia da Coruña beneficiaranse destas subvencións, que suman un investimento de 1,8 millóns de euros. En toda Galicia, o programa ten consignados 4,2 millóns de euros, “configurando un dos orzamentos máis importantes desde a súa posta en marcha”, destacou Do Campo. As iniciativas obxecto de subvención abarcan eidos diversos, como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.

Iluminación pública exterior

Tras a visita á Madanela, Do Campo e a rexedora de Melide comprobaron o resultado do proxecto de renovación da iluminación pública exterior levado a cabo na rúa Martagona, ao abeiro da convocatoria de Economía e Industria para este fin, a través da que conseguiu unha achega de 48.442 euros para a substitución de luminarias por outras máis eficientes e menos contaminantes.

Estas medidas supuxeron o cambio de 84 puntos de luz formados por 35 lámpadas de mercurio cor corrixido e 49 de sodio de alta presión por equipos led, que permitirán diminuír a factura eléctrica en preto de 9.000 euros ao ano e as emisións de dióxido de carbono en 37,4 tonelada ao ano. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético do concello nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou a delegada. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

Neste senso, Do Campo sinalou tamén que a liña promoveu, unha vez máis, os proxectos colaborativos entre un ou máis concellos, como no caso de Melide, que concurriu a esta convocatoria agrupada con Toques e Palas de Rei, polo que veu incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

5 de novembro de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.