publicidade hoxe

A novela “Casa de vecinos” do escritor Eugenio Feijoo chega a Madrid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Presentación da novela

Presentación da novela

A Casa de Galicia, delegación da Xunta de Galicia en Madrid, acolleu esta tarde a presentación da novela “Casa de veciños”, do escritor e xornalista Eugenio Feijoo, publicada por Edicións Correo. Trátase dunha obra costumista actual que narra as vivencias de medio centenar de persoas dun barrio, das cales, trinta habitan na mesma casa. O relato é unha análise sociolóxica informal aderezada con certo sentido do humor e no que aparecen as novas tendencias nas relacións sociais e familiares, a complexa convivencia e a delicada confluencia de intereses na comunidade na que conviven tres xeracións.

No acto interviñeron, xunto co autor, o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez e a xornalista Nuria Álvarez, encargada de realizar a presentación. Jiménez sinalou que este é o terceiro libro de Feijoo, quen despois de nacer en Madrid, pasou a maior parte da súa infancia na aldea ourensana de Abeleda, a beira do Sil, ao lado mesmo da provincia de Lugo” de onde el se sente. Sinalou tamén algúns datos da súa extensa traxectoria profesional, pois “dende os 20 anos fundou revistas e traballou en numerosos medios e editoriais”.

Na novela, en palabras de Nuria Álvarez, “o autor utiliza o marco dunha comunidade que comparte un espazo e o usa como escenario para pasar revista a vivencias e experiencias dun numeroso grupo de personaxes decadentes que representan a unha boa parte da sociedade española a finais da primeira década do século XXI. Os protagonistas e os seus problemas resultan reais e próximos para os lectores de hoxe, que os teñen directa ou indirectamente nas súas propias vidas”. Xunto coas dificultades da convivencia o autor denuncia “o egoísmo, a falta de entendemento e o diálogo baleiro, ao tempo que reivindica o sentido común”. A presentadora sinalou ademais a clara vocación de “contador de historias” de Feijoo, a súa curiosidade e preocupación polas relacións humanas e como nesta novela utiliza recursos totalmente diferentes ás súas anteriores obras, aínda que mantén as mesmas preocupacións, así como a constante referencia a Galicia, as súas paisaxes e as súas xentes, que tanta influencia teñen na súa vida.

Para Eugenio Feijoo esta novela pode definirse como “unha fotografía ou reportaxe xornalística da España actual, aínda que detrás de cada imaxe apareza o mundo de sempre, a eterna problemática da nosa sociedade e as dificultades da convivencia nas cidades”.

“Un pintor fracasado, un motorista macarra, un camareiro conciliador, unha chinesa exquisita, un violinista ilusionado, una cotilla maniática, un galego emprendedor, unha muller de vida leda, un exbanqueiro vido a menos… “, son algúns dos protagonistas do libro, entre os que hai de todo: dende ancorados no pasado, ata os que se colocan á cabeza do permisivismo social e moral.

Dixo tamén o autor que esta obra “pon o dedo na chaga das lacras que afectan aos españois” e engadiu que estamos a vivir nunha sociedade hipócrita que se traizoou a si mesma e botou ao lixo os trazos que a fixeron admirable”. A España que naceu a finais dos setenta “quixo ir tan á présa cara a un futuro diferente que se deixou no camiño moitas das súas virtudes; e copiamos case todo, especialmente de USA, nos seus costumes, comidas, diversións, cine, música… “

20 de outubro de 2014 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.