publicidade hoxe

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza na Coruña unha xornada sobre baile tradicional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCalendarioLocal Portada
A-
A+

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza unha Xornada sobre Baile Tradicional, que terá lugar na Coruña o vindeiro día 25 de outubro.

Dende a AGG organízase esta actividade, necesaria e de moita utilidade para todos aqueles implicados no sector do baile tradicional, para ofrecer un espazo de debate no que conseguir unha posta en común de principios básicos sobre o baile tradicional en Galiza.

Nestas xornadas darase relevancia a unha parte moi importante na tradición galega como é a súa expresión corporal, o baile. Xunto cos profesionais, estudosos, e persoas destacadas do sector, analizarase o estado do baile tradicional en Galicia neste momento e tamén o seu futuro.

Estas xornadas están patrocinadas pola Secretaría Xeral de Cultura, e realizaranse no Centro Agora, sito na rúa Agora desta cidade.

Iniciaranse ás 10.30 h. da mañá do sábado co relatorio:  “Bailas ou danzas?” Que guiará Luis Prego. Esta charla pretende facer un percorrido polo baile e a danza en Galiza ao longo do tempo, e chegar ata a actualidade, analizando pasos, coreografías e vestiarios, e tentar chamar a cada cousa polo seu nome.

A continuación, ás 12.00 h. terá lugar o relatorio – obradoiro: “A muiñeira na terra dos seráns” que impartirá Miguel Souto.

Neste relatorio- obradoiro falarase dos seráns, en qué concellos se facían e as diferenzas e similitudes con outro tipo de festas populares. Explicaranse as variantes nos  pasos básicos das muiñeiras, tamén chamadas ribeiranas, tomando como exemplo os de varios concellos da provincia de Pontevedra.

Aprenderanse puntos e pasos de diferentes zonas e improvisacións coreografías coa estructura tal e como se fai nos seráns.

Xa pola tarde, as 16.30 h terá lugar o relatorio – obradoiro: “Visión global de xotas e maneos” que estará impartido por Olga Kirk.

Son moitas as dúbidas en torno á posible orixe da xota, tras constatar a ampla extensión xeográfica que abarca todo o territorio peninsular. A importancia da jota ou xota no noso país, é totalmente fundamental,  xa que a súa presenza e importancia á hora de bailar, tocar e cantar é parella á da muiñeira, polo menos no período que nós levamos estudando empiricamente, e que atinxe a bailadoras e bailadores que participaban das ruadas durante os últimos 50 ou 70 anos. Xunto coa muiñeira, son os dous ritmos reis do baile solto.

No obradoiro estudaranse diferentes variantes que existen no noso país, xa que disfrutamos de multitude de puntos, xeitos e estilos dependendo da area xeográfica. Afondarase tamén no “maneo”, variante primordial da xota na Costa da Morte ou na comarca de Ordes.

Para rematar a xornada, a partir das 18.30 h. terá lugar unha mesa redonda na que se falará do “Estado actual do baile en Galicia e o seu futuro”.

Participarán:

Olga Kirk – Mestra de baile e música tradicional. Directora do grupo “Donaire”.

Quique Peón – Mestre, investigador, creador e director da compañía “Quique Peón Cía” e da “A.C: Xacarandaina”.

Jaime Pablo Díaz  -Bailador, coreógrafo e director da compañía  “Nova Galega de Danza”.

Xabier Espasandín – Fundador do “Obradoiro Etnográfico Noutrures” e director do “Grupo de Bailes Tradicionais Son d’aquí”.

22 de outubro de 2014 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.