publicidade hoxe

14 asociacións e grupos informais de xóvenes de Lugo executaron este ano proxectos de participación xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMondoñedoXuventude
A-
A+

Un total de 14 asociacións xuvenís ou grupos informais de mozos e mozas executaron na provincia de Lugo este ano proxectos financiados no marco do programa de participación xuvenil ‘Iniciativa Xove’ da Consellería de Traballo e Benestar, o que suma un investimento conxunto de preto de 50.000 euros.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acompañou hoxe en Mondoñedo aos mozos e mozas da Asociación Xoldra, que executaron un proxecto de mellora e redinamización do Parque do Seminario, que tivo unha axuda de 2.500 euros.

Esta iniciativa tivo como obxectivo evitar a degradación dese espazo público situado no centro histórico da vila. Os mozos e mozas de Xoldra levaron a cabo nos meses de xullo, agosto e setembro un proxecto destinado a devolver á cidadanía o parque, recollendo o lixo, lavando as paredes e chans e pintando os muros e mobiliario urbano, entre outras accións.

‘Iniciativa Xove’ forma parte dos programas de renovación das políticas de xuventude da Xunta de Galicia, que na actualidade xira en torno a xestionar actuacións baseadas na adquisición de novas competencias a través da educación non formal.

Ovidio Rodeiro asegurou que ‘Iniciativa Xove’ “permite aos mozos e mozas demostrar a capacidade de organizar os seus propios proxectos, ao tempo que estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil”.

O director xeral tamén destacou que “a participación xuvenil en programas de educación non formal supón o desenvolvemento de valores como as aptitudes comunicativas, organizativas e de planificación, o traballo en equipo, o sentido da iniciativa ou a autoconfianza, a autonomía e a iniciativa persoal”.

Este programa conta con iniciativas vinculadas co emprendemento e a empregabilidade, que están agrupadas baixo a epígrafe de ‘Iniciativa Xove emprendedora’. Tamén destacan iniciativas dirixidas a favorecer a integración de colectivos con diversidade funcional ou en risco de exclusión social; a creatividade; o coñecemento e o respecto do contorno natural, a intervención ambiental e o fomento dos bos hábitos neste eido; a rehabilitación e renovación de espazos degradados; e os relacionados coas novas tecnoloxías.

No total de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar financia este ano con máis de 500.000 euros, a través do programa ‘Iniciativa Xove’, un total de 140 proxectos de educación non formal que desenvolven preto de 700 mozos e mozas pertencentes a grupos informais, así como asociacións e entidades xuvenís.

31 de outubro de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.