publicidade hoxe

Tui será escenario da xura de bandeira do exército de terra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaTui
A-
A+

O Paseo da Corredoira de Tui será o lugar onde se celebre o domingo 5 de outubro unha xura de bandeira na que participarán máis de 200 persoas tanto militares coma civís. Así o expuxeron hoxe o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o xeneral da BRILAT, Luís Cebrián Carbonell.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explicou que este será un acto importante para seguir mantendo os lazos de irmandade que ten Tui co exército “pola súa historia, pola presenza ao longo de moitísimos anos na cidade de exércitos”. No mesmo senso pronunciouse o xeneral da BRILAT, Luís Cebrián, sinalando que “tamén é a nosa intención seguir mantendo os lazos con esta praza de Tui, cunha longa tradición militar de presenza das forzas armadas” engadindo que “a pegada do exército de terra en Tui sempre foi moi importante e se sigue mantendo ao través da viva relación que mantemos a cidade de Tui e a BRILAT”. Explicou tamén que ao acto acudirá como mínimo unha compañía, a bandeira, a banda e os gastadores cun total de 150 efectivos.

Na presentación desta mañá explicouse que amais dos militares tamén poderán xurar bandeira ou renovar o seu xuramento aqueles civís que o desexen, para o que deberán cubrir un impreso e entregalo na Casa do Concello ata o 29 de setembro.

16 de setembro de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.