publicidade hoxe

Pontevedra comezará a recuperación do Castro das Croas na vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Europa Press

O concello de Pontevedra iniciará o próximo 20 de agosto os traballos de escavación do Castro das Croas, situado na parroquia de Salcedo, nunha zona considerada -por parte do concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará- como a “milla de ouro” do patrimonio rural pontevedrés.

Trátase dun “territorio reducido” onde conflúen un “conxunto de bens moi valiosos”, entre os que se atopan os recursos naturais asociados ao val do río Tomeza, o itinerario da Vía Romana XIX, os muíños fluviais de O Batán e a leira da Misión Biolóxica de Galicia no antigo Pazo de Gandarón, así como diversos elementos de arte rupestre catalogados.

A actuación no Castro das Croas centrarase nunha superficie dunha hectárea cedida de forma “desinteresada” pola Comunidade de Montes de Salcedo, onde os técnicos van estudar os restos dunha estrutura “circular ou alargada” que se descubriu nunha prospección realizada nos anos 90 polo arqueólogo Antonio da Pena, na que esperan verificar se o uso que tivo foi “habitacional”, isto é, como vivenda.

O director da escavación, Eduardo Méndez, do Instituto de Estudos Miñoranos, explicou que se trata dun castro “singular”, datado a comezos da Idade de Ferro. Coas primeiras escavacións quedaron ao descuberto unhas estruturas de pedra a modo de muralla que tamén se incluíron no proxecto, de cuxa execución se ocupará a empresa A Citania.

DINAMIZACIÓN

Luís Bará destacou o interese do concello por buscar a “implicación veciñal” en relación á posta en marcha desta iniciativa para “transformar a visión que os cidadáns teñen sobre o patrimonio, que se traduza nun sentimento de orgullo e identidade parroquial, e mesmo sexa un motor de dinamización social e económica”.

Así, o proxecto expúxose en varias fases; tras finalizar o traballo de campo a mediados de setembro, o concello de Pontevedra organizará actividades no ámbito escolar relacionadas coa recuperación do castro. Ademais, durante as escavacións organizaranse visitas abertas ao público e accións de voluntariado.

A evolución da prospección arqueolóxica gravarase en vídeo coa colaboración do realizador audiovisual e arqueólogo Lukas Santiago. En canto á recuperación do patrimonio inmaterial, será o antropólogo Rafael Quintía quen complemente o proxecto incorporando lendas tomadas da tradición oral da parroquia.

A nómina de asesores complétase co propio Antonio da Pena, o tamén arqueólogo Víctor Barbi, e Fernando Carreira no ámbito da conservación. O Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico, pertencente á Universidade de Santiago, achegará datos en materia de paleoarqueoloxía, a partir da análise dos restos vexetais polo método do carbono-14.

COLECTIVOS

O concelleiro de Patrimonio Histórico de Pontevedra agradeceu o “apoio e implicación activa” da Comunidade de Montes e da asociación Heroes do Campo da Porta de Salcedo, unha parroquia da que destacou que “vai por diante doutras” nesta materia porque o movemento veciñal está “comprometido e sensibilizado coa defensa do seu patrimonio”.

O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, augurou que xurdirán “resultados interesantes” nesta escavación e destacou que “unha vez solucionado o tema cos militares” -en alusión á titularidade dunha parte dos terreos nos que se asenta a Brilat- a intención da entidade que dirixe é “seguir pondo en valor a parroquia” cos 128.300 euros anuais que obteñan do Ministerio de Defensa pola cesión de 71 hectáreas.

O custo da intervención arqueolóxica no castro das Croas ten un custo de 28.000 euros, que se financiarán ao 40% con fondos europeos do programa Leader. Para a execución dos traballos, o concello de Pontevedra contou coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

13 de agosto de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.