publicidade hoxe

Os comerciantes lucenses participaron nunha xornada para potenciar a transmisión xeracional e a innovación no sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá nunha xornada en Lugo celebrada na sede da Federación Galega de Comercio o primeiro programa de renovación do tecido comercial galego, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria e que impulsa con 3 millóns de euros a transmisión xeracional e a posta en marcha de iniciativas innovadoras no sector, potenciando a adaptación do comercio de proximidade galego ás novas demandas dos consumidores e mellorando a súa competitividade ao tempo que se garante a continuidade do saber facer, a calidade e a profesionalidade que o caracterizan.

Esta iniciativa, aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 1 de setembro e da que informou a asociacións e empresarios da provincia, xira en torno a tres eixos específicos: o apoio á remuda comercial, o impulso á modernización da xestión e dos sistemas de comercialización, e o asesoramento especializado.

Tal e como salientou Sol Vázquez, que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, o primeiro dos ámbitos nos que incide este novo programa é a transmisión comercial, apoiando a continuidade daqueles negocios que veñen funcionando desde hai anos ao tempo que se incentiva os emprendedores que queren iniciar a súa andaina comercial nun negocio xa consolidado no sector e viable. Así, co obxectivo de potenciar a creación de emprego mediante a transmisión aos novos comerciantes tanto do comercio como do coñecemento e a experiencia do seu titular, ponse en marcha unha nova convocatoria de axudas por importe de 500.000 euros.

Poden beneficiarse desta iniciativa os responsables de comercios que teñan 64 anos ou máis e que veñan desenvolvendo a súa actividade polo menos 10 anos ininterrompidos, así como os novos emprendedores designados para continuar co negocio empresarial. Os transmisores poderán recibir axudas de 700 euros mensuais ata a idade ordinaria de xubilación, ou un único pago de 700 euros se xa a teñen. Os que retomen a actividade recibirán apoios por 2.000 euros, e formación por parte do comerciante experimentado durante un mínimo dun mes. Como complemento á orde de axudas, está en funcionamento unha plataforma en liña onde todos os interesados poden consultar os negocios dispoñibles, www.transmisioncomercial.com.

Por outra banda, no eido da innovación, está activa unha orde de axudas por 1,9 millóns de euros destinada a comerciantes retallistas e federacións do sector, así como a titulares de obradoiros artesanais e asociacións profesionais de artesáns. Nesta convocatoria, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas de ata preto de 40.000 euros para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda. Tamén para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos seus produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Dentro desta orde, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata preto de 5.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs.

Impulso á competitividade do sector artesán

Nesta mesma convocatoria, apoiarase con ata 85.000 euros ás asociacións profesionais de artesáns no desenvolvemento de sistemas de etiquetado intelixente, que acheguen información sobre os produtos e o seu proceso de elaboración, e que deberán implicar como mínimo a 20 obradoiros. Estas entidades tamén poderán desenvolver con ata 65.100 euros de axuda proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.

Estes apoios ás asociacións e ás empresas artesás enmárcanse no novo Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento.

A porcentaxe de axuda na convocatoria de modernización, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), alcanza o 70% do investimento subvencionable, e increméntase ata o 75% para os proxectos localizados nas provincias de Lugo e Ourense e nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como na Costa da Morte.

Con este programa, a Consellería de Economía e Industria leva destinado no que levamos de ano 10 millóns de euros a programas de apoio dentro da estratexia específica de impulso da competitividade do comercio de proximidade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento e a apertura de novos establecementos comerciais, a innovación ou a potenciación das prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

20 de agosto de 2014 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.