publicidade hoxe

O Real Club Náutico de Sanxenxo é galardoado coa Real Orde do Mérito Deportivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaSanxenxo
A-
A+
Rajoy e Feijóo na entrega da distinción. Foto: A. Varela

Rajoy e Feijóo na entrega da distinción. Foto: A. Varela

O Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, entregou esta tarde a Pedro Campos, como Presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, a placa da Real Orde do Mérito Deportivo, a máis alta distinción que se outorga ao deporte en España e que foi concedida polo Goberno de España, a través do Consello Superior de Deportes, ao club pontevedrés.
 
O acto, que comezou ás 19:30 horas, contou tamén coa presenza de Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia; Pilar Rojo, Presidenta do Parlamento de Galicia; Catalina González, Alcaldesa do Concello de Sanxenxo; Miguel Cardeal, Presidente do CSD; Rafael Louzán, Presidente da Deputación de Pontevedra e José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte; ademais dos campións olímpicos Fernando Echávarri e Támara Echegoyen, ambos os deportistas do club, e a xunta directiva do RCNS ao completo.
 
Pedro Campos, foi o encargado de comezar o acto destacando a importancia que esta distinción ten para o RCNS que, “aínda que se trata dun dos grandes clubs máis novos de España é, con todo, xa veterano no esforzo de contribuír ao desenvolvemento deportivo de Galicia e de España”. Como exemplo, o seu primeiro título mundial para a vela galega, o primeiro ouro olímpico en vela para Galicia, grazas a Echávarri, ou a primeira medalla de ouro olímpica feminina galega, Echegoyen.
 
Campos subliñou tamén o feito de ser “un club solidario a través do apoio e a colaboración que mantemos con Cáritas Sanxenxo, Axuda en Acción ou a Asociación Española contra o Cancro, ademais do Centro Nacional de Vela Adaptada, que funciona desde fai tres anos”.
 
O momento máis aplaudido, e emotivo, do acto xurdiu cando o Presidente do RCNS lembrou que “todo isto non sería posible sen o apoio dos nosos socios, empregados, e directivos e presidentes que nos precederon, cun recordo moi especial a José Castro e Luís Rajoy [irmán do Presidente Rajoy, falecido recentemente] que tanto esforzo e agarimo dedicaron ao noso club”.
 
Campos finalizou dando as grazas ao Presidente do Goberno “pola súa presenza” e prometeu que “seguiremos levando con orgullo o nome de Sanxenxo, Galicia e España ao redor do mundo”.
 
Pola súa banda, Mariano Rajoy dedicou as súas primeiras palabras a felicitar e “dar o parabén ao RCNS, que leva máis de 60 anos promocionando as calidades turísticas e deportivas que ofrece esta marabillosa ría de Pontevedra. E por ser un dos mellores escaparates do deporte náutico español”.
 
Lembrou ademais aos socios fundadores do club, citándoos un a un e agradeceu “ao Consello Superior de Deportes e ao seu Presidente Miguel Cardeal que promovan a entrega deste recoñecemento ao RCNS pola súa gran traxectoria na práctica deportiva e no ensino e promoción da educación física”.
 
No deporte, e tamén na vida, os éxitos requiren preseverancia”, engadiu. “As Administracións Públicas fan o que poden e deben e son importantes pero un país só funciona con persoas e esa é a mensaxe que me gustaría deixar hoxe aquí. Os deportistas españois fixeron moito polo país e pola súa imaxe. Convídolles a emocionarse, a ser felices e a estar orgullosos do Real Club Náutico de Sanxenxo e deste municipio, como hai poucos“.

12 de agosto de 2014 | 20:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.