publicidade hoxe

Mañá comeza en Ortigueira o V Mercado Mariñeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Turismo e Cultura ultima os preparativos do “V Mercado Mariñeiro de Ortigueira”. A cita, que arrinca mañá pola tarde, terá o seu principal reclamo na oferta por parte da maioría de establecementos de hostalaría do núcleo urbano de petiscos, tapas e menús mariñeiros con produtos da ría. O tradicional pregón correrá a cargo do chef Héctor López.

A apertura do renovado zoco de artesanía, reforzado agora con casetas de gastronomía (pan, mel e conservas de algas de Ortegal, e outros produtos como as anchoas de Santoña ou sidra ecolóxica) marcará, xunto á sesión de xogos tradicionais a cargo da ludoteca móbil de Xandobela o pistoletazo de saída da iniciativa turística, que se desenvolverá até o domingo 17 de agosto na contorna da Alameda e que incluirá durante estas xornadas propostas de lecer para todos os públicos.

Aínda que o Mercado Mariñeiro xurdiu e seguirá sendo, fundamentalmente, unha cita gastronómica. Así, preto dunha vintena de establecementos da Vila implicaranse na proposta e se esmerarán en ofrecer a veciños e visitantes os petiscos, tapas e menús mariñeiros máis suculentos.

Casa Giz, Soilán, Río Sor, O Fogón, Náutico, Manolo’s, Malecón e A Cabana do Fos ofertarán menús especiais por 15 euros. E en paralelo, servirán tapas e petiscos mariñeiros (2 euros), ademais de locais xa mencionados como Río Sor, O Fogón, O Malecón, Don Pepe, Galaripos, Arcos, Ciclón, Alameda, Novo Club, Bodegón 90, e as cafetarías do centro social e do centro de recepción de visitantes.

Non faltarán nin os pasarrúas (Gamelas e Anduriñas e Banda de gaitas de Ladrido) nin o tradicional pregón. Héctor López, recoñecido chef do restaurante España, do Grupo Nove, desde o que cada día tenta rexuvenecer a cociña de Lugo, será o encargado de lelo o sábado 16, a partir das 22 horas, xusto antes do inicio da velada musical protagonizada polas rondallas Sons da Alba, Grupo Rosas e Tanxedoira.

Gastronomía e turismo

O alcalde Rafael Girón apunta que o goberno local pretende coa organización do “Mercado Mariñeiro” non só axudar a promocionar os produtos da ría (ameixa e berberecho, fundamentalmente) e o turismo da zona senón tamén a xerar beneficios para o tecido económico de Ortigueira no seu conxunto, fundamentalmente o sector hostaleiro.

 

14 de agosto de 2014 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.