publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Dous graffiteiros de Portomarín decoran un muro con motivos do Camiño de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortomarín
A-
A+

Dous mozos graffiteiros galegos colaboran coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o concello de Portomarín (Lugo), para decorar con esta técnica un muro de cemento de 120 metros de lonxitude situado a carón da capela das neves e do albergue xuvenil da localidade, en pleno camiño francés a Santiago.

O obxectivo de esta iniciativa é o de resolver un problema de “feismo” arquitectónico utilizando o graffiti como medio para embelecer con esta expresión cultural e artística xuvenil un lugar por onde pasan os milleiros de peregrinos que anualmente percorren este tramo do Camiño.

Os artistas comezaron o seu traballo o pasado luns e teñen previsto rematar a finais desta semana. A temática deste traballo está baseada no Camiño de Santiago, na tradición xacobea e no Portomarín antigo somerxido polo pantano.

O arte do graffiti é unha das especialidades do certame Xuventude Crea que todos os anos convoca a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, para mozos e mozas galegos non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos.

Cada unha das especialidades conta con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros, o segundo, de 1.500, e o terceiro, de 1.000 euros. Ademais de graffiti, o resto de especialidades que se convocan son: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, carteis, moda e deseño de xoias

Campo de traballo

Doutra banda, a localidade de Portomarín acolle ata o vindeiro día 22 un campo de traballo de difusión turística do Camiño, onde participan un total de 25 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade. Os voluntarios son 8 galegos e 17 da Galicia exterior (6 de Arxentina, 3 de Brasil, 2 de Cuba, 4 de Uruguai e 2 de Venezuela).

No campo de traballo os participantes terán como misión a de axudar ás persoas peregrinas, informándoas dos lugares turísticos de interese da contorna e orientándoas sobre as restantes etapas do Camiño e outros lugares que poderían visitar.

Ademais, os voluntarios tamén realizarán outras actividades complementarias, como rotas medio ambientais, visitas a iniciativas de mozos emprendedores galegos, coloquios sobre o intercambio de experiencias e realidades dos participantes, visitas turísticas guiadas por lugares de interese de Galicia.

Este ano Galicia conta con 649 prazas para que participen mozos e mozas de entre 18 e 30 anos en campos de traballo, das que 249 son de envío a outras comunidades autónomas (101 prazas) e a outros países (148 prazas). Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo internacionais.

As outras 400 son de acollida nos campos que se organizan en Galicia e nos que participan mozos e mozas procedentes de todo o mundo, doutras autonomías, da emigración exterior e da nosa comunidade.

Os campos de traballo enmárcanse dentro da ‘Campaña de Verán 2014’ que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En total, son 8.266 prazas, un 2,7% máis que as ofertadas o ano pasado, cun orzamento de 2,3 millóns de euros.

12 de agosto de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.