publicidade hoxe

Uns 540 cativos participaron nos campamentos deportivos de xullo da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Esta mañá o colexio Calvo Sotelo acolleu a clausura do último dos campamentos deportivos organizados pola Deputación da Coruña este verán. En total, dende o 29 de xuño e en tres quendas diferentes segundo os concellos dos que procedan, ata 540 nenos e nenas de toda a provincia puideron gozar das actividades que se organizan dende a área de Deportes da Deputación.

En concreto, os rapaces nados entre 2000 e 2004 residentes en calquera municipio da provincia puideron realizar durante unha semana unha ampla listaxe de actividades que se inclúen neste programa dos meses estivais. Os participantes practicaron  todo tipo de deportes, dende tenis, voleibol, fútbol e  baloncesto, ata batuca, capoeira ou hip-hop, pasando por deportes náuticos (kaiak, piragüismo…) e equitación. Ademais, desenvolveron outras actividades como paseos a cabalo ou en barco pola ría de Ferrol, xunto á práctica do inglés en moitas destas clases.

Nesta última quenda participaron nenos e nenas dos concellos da Baña, A Coruña, A Laracha, Arteixo, Abegondo, Cabana Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Carral, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Oleiros, Outes, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Vimianzo e Zas.

O acto de clausura contou coa presenza da vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Deportes, Mariel Padín, que fixo entrega dos diplomas, camisetas e gorras ás persoas participantes. 

Os concellos que inauguraron os campamentos o 29 de xuño foron A Pobra do Caramiñal, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Cerceda, Culleredo, Dodro, Frades, Lousame, Melide, Mesía, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Touro e Vedra.

Do 6 ao 12 de xullo foi a quenda da Capela, Aranga, Ares, As Pontes G.R., As Somozas, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Cariño, Cedeira, Cerdido, Coirós, Curtis, Fene, Ferrol, Irixoa, Mañón, Miño, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior e Vilasantar.

21 de xullo de 2014 | 11:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.