publicidade hoxe

Ultreia regresa a Ortigueira con “A dama boba”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Grupo de Teatro Ultreia volve a Ortigueira disposto a reeditar o éxito conseguido na estrea de “A dama boba”. A compañía porá de novo en escena o domingo 3 de agosto no Teatro de Beneficencia esta comedia de Lope de Veiga coa que xa gozaron máis de 700 orteganos. Acábase de activar a venda anticipada de entradas no Consistorio.

Tras arrasar na súa estrea, a principios de xullo, conseguindo colgar durante tres noites de función o cartel de “non hai entradas”, o Grupo de teatro Ultreia volve pisar o Teatro de Beneficencia para representar o seu último traballo, a adaptación da obra “A dama boba” de Lope de Veiga. A compañía actuará na vila o 3 de agosto, a partir das 21 horas.

Centos de orteganos xa tiveron ocasión de gozar coa adaptación, a cargo de Elixio César Silvent, director da compañía, desta comedia palaciega en tres actos, asinada polo autor máis fecundo da literatura española. De feito, como sucedese coa primeira montaxe teatral de Ultreia, “A vinganza de don Mendo”, o cadro de actores conseguiu nas tres funcións programadas un cheo total.

Debido a este rotundo éxito, que levou a máis de 700 veciños ao Teatro de Beneficencia e deixou a moitos coas ganas, debido ás limitacións do aforamento, prográmase esta nova función da compañía en Ortigueira o primeiro domingo de agosto. As entradas, cun custo de 4 euros, poden xa adquirirse no consistorio (departamento de Cultura).

“A dama boba” supón un novo impulso para a consolidación do teatro como unha das grandes apostas culturais en Ortigueira. O que se traduce nas continuas adhesións ao grupo teatral, fundado a principios do 2012, e a excelente acollida por parte do público.

27 de xullo de 2014 | 20:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.