publicidade hoxe

O CRDO Rías Baixas transmite a realidade e preocupacións do sector ao Ministero de Agricultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Reunión do presidente do CRDO Rías Baixas e Magrama

Reunión do presidente do CRDO Rías Baixas e Magrama

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe (CRDO) Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, e o secretario xeral da entidade, Ramón Huidobro, mantiveron unha reunión de traballo con dous altos cargos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para exporlle a situación e as preocupacións máis inmediatas do sector. Trátase do Secretario Xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas, e do Director Xeral de Industrial Agroalimentaria, Fernando Burgaz.

O Consello Regulador valora como “cordial e distendido” este encontro, no que ambas as partes se brindaron mutuamente unha vontade de colaboración total. A reunión foi convocada polo Ministerio por mor da carta de felicitación en nome de todo o sector enviada polo presidente de Rías Baixas á ministra, Isabel García Tejerina, tras a súa recente toma de posesión. Na misiva, Juan Gil púñase a disposición do novo equipo ministerial para explicarlle as particularidades da D.O. Rías Baixas.

Ademais dos datos de produción e a evolución da denominación nos últimos anos, os representantes do Consello Regulador expuxeron as actividades de promoción dos mercados nacional e internacional desenvolvidas recentemente, e detallaron aos cargos do ministerio o orzamento e as axudas con que conta a D.O.

Un dos aspectos concretos que se abordou na reunión é a lei sobre o alcol que prepara o Ministerio de Sanidade. Rías Baixas mostrou a súa “preocupación” pola posibilidade de que o viño sexa incluído nesa normativa. O Consello Regulador comparte a preocupación de que os menores poidan acceder a bebidas de alta gradación alcohólica, pero advirte de que no canto dunha liña de prohibición hai que apostar por unha liña de educación. Rías Baixas considera que a lei tería que protexer aos menores, pero non atacar aos consumidores adultos.

Tamén se lles trasladou aos responsables do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a preocupación dos Consellos Reguladores por quedar á marxe da nova Interprofesional do Viño. Rías Baixas considera que as denominacións de orixe, como axentes de máxima relevancia no sector, deberían como mínimo ter a posibilidade de coñecer o que sucede no novo organismo. Neste sentido, o Ministerio contempla darlles cabida aos Consellos Reguladores nun consello consultivo da Interprofesional, na que así terían voz pero non voto.

Así mesmo, neste encontro estivo sobre a mesa a postura do Consello Regulador de Rías Baixas sobre a liberalización das marcas e etiquetas do viño. A denominación de orixe pensa que esa medida implicará perder unha parte do vínculo entre un produto de calidade e un territorio, un elemento diferenciador de extrema importancia en calquera denominación de orixe e máis nunha coas singularidades, tamaño e prestixio de Rías Baixas. Desde o Ministerio lembraron que se trata dunha norma europea, que están obrigados a aplicar.

Outro compromiso do goberno central é colaborar na prevención e detección de posibles fraudes de etiquetas nos mercados internacionais, para o que se contará co apoio das embaixadas e das oficinas de comercio exterior.

Por último, tanto Juan Gil de Araujo como Ramón Huidobro convidaron aos representantes do Ministerio a visitar o ámbito de Rías Baixas para que poidan coñecer aínda con maior detalle a viticultura que se practica en Rías Baixas e as características das súas adegas.

28 de xullo de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.